O Concello de Lugo amplía o número de entidades bancarias para o pago de tributos e obrigas municipais

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asinou hoxe un convenio co banco Santander para facilitar as tarefas de recadación e fomentar a domiciliación de recibos.

Luns, 24 de abril de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo amplía o número de entidades bancarias para o pago de tributos e obrigas municipais

O Concello de Lugo vén de asinar un novo convenio co banco Santander, ampliando o número de entidades financeiras a través das que as e os constribuíntes poden realizar o pago de tributos e outras obrigas que manteñen coa Administración local.

A tenente de alcaldesa e responsable da área de Gobernanza, Paula Alvarellos, explicou que a iniciativa obedece á vontade do Executivo de Lara Méndez de “simplificar e facilitar á cidadanía o cumprimento das súas obrigas incrementando os procedementos habilitados e os medios de pago dos recibos, un obxectivo no que tamén se pretende fomentar o uso da domiciliación dos mesmos, así como o seu abono telemático entre outras canles”.

Se ben até o de agora era posible realizar o pagamento en Abanca, BBVA, Caixabank, Banco Sabadell-Gallego e Caixa Rural Galega a entrada dun novo operador “permítenos dar resposta a unha demanda que nos trasladaba veciñanza, tendo en conta o mercado obxectivo que atende dita entidade e aumentar as posibilidades que se ofrecen á cidadanía para que esta poida resolver con axilidade as relacións que mantén coa Institución municipal”, engadiu a concelleira.

O acordo de colaboración, asinado esta mañá e que comezará a ter efecto nos próximos días, ten un marco temporal de 24 meses, prorrogables por outros dous anos máis.

Multimedia

  • O Concello de Lugo amplía o número de entidades bancarias para o pago de tributos e obrigas municipais

Noticias relacionadas