O Concello de Lugo activa a campaña de primavera con máis de 37.000 plantas en 31 espazos verdes de toda a cidade

A intervención desenvolverase en cinco fases e abranguerá desde espazos do centro, como o Parque de Rosalía ou a Praza da Constitución, ata barrios como Garabolos, Paradai ou a Milagrosa, e rotondas de acceso como Fonte dos Ranchos ou a de Adolfo Suárez.

A campaña inclúe especies como petunias, begonias, impatiens ou tagetes, co obxectivo de embelecer a cidade e mellorar a súa biodiversidade.

“Coidar os nosos espazos públicos é tamén fortalecer o orgullo de cidade e facer de Lugo un lugar máis acolledor, sostible e vivo”, subliñou o alcalde, Miguel Fernández.

Mércores, 28 de maio de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo activa a campaña de primavera con máis de 37.000 plantas en 31 espazos verdes de toda a cidade

O Concello de Lugo, a través da área de Transición Ecolóxica, puxo en marcha esta semana a campaña de plantación de flor de tempada para a primavera. Durante cinco semanas, os equipos municipais intervirán en 31 espazos verdes repartidos por toda a cidade, coa colocación de 37.300 unidades de planta ornamental.

A actuación abrangue tanto espazos emblemáticos do centro, como o Parque de Rosalía, a Praza Maior ou a Praza da Constitución, como tamén zonas residenciais e puntos de acceso como Garabolos, Fonte dos Ranchos, Paradai ou a Praza de San Xoán. “Queremos que todos os barrios de Lugo, sen excepción, conten con zonas verdes coidadas e cheas de vida. Esa é unha forma directa de mellorar o día a día da veciñanza e de construír cidade desde o respecto ao espazo común”, afirmou o alcalde, Miguel Fernández.

O plan de plantación inclúe unha ampla variedade de especies de flor adaptadas ao clima primaveral e cun elevado valor ornamental, como begonias, petunias, impatiens, tagetes, dianthus, coleus ou surfinias. Estes traballos permitirán revitalizar as zonas verdes, achegar cor á paisaxe urbana e favorecer a biodiversidade, xerando espazos máis agradables para o paseo, o encontro e a convivencia.

As actuacións realizaranse de maneira gradual, en coordinación cos servizos técnicos municipais, garantindo que cada intervención se adapte ás características de cada contorna. “As flores non son só un elemento estético: representan unha forma de entender o coidado da cidade, de proxectar a nosa identidade e de facer de Lugo unha cidade que convida a quedarse”, engadiu o rexedor.

Esta campaña forma parte da planificación anual do Goberno local en materia de ornato público e mellora ambiental, cun enfoque baseado na continuidade, o respecto pola diversidade vexetal e a atención ao conxunto do territorio. Co inicio desta nova etapa floral, o Concello reafirma o seu compromiso cun Lugo máis coidado, máis vivo e máis orgulloso de si mesmo.

Audio

  • O edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, sobre a campaña de primavera | Descargar mp3

Multimedia

  • O Concello de Lugo activa a campaña de primavera con máis de 37.000 plantas en 31 espazos verdes de toda a cidade

Noticias relacionadas