O Ministerio de Facenda e Administracións Públicas vén de conceeder ao Concello o proxecto Muramiñae; Da Muralla ao Miño, cun orzamento total de 12,5M€, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e a entidade local nun 20%
“Grazas ao FEDER imos ser máis e mellor cidade. As cidades son para que as persoas as disfruten, e con esta estratexia, recuperaremos máis espazos para que elas sexan protagonistas”, asegurou Lara Méndez
Revitalizar O Carmen, pór en valor o Camiño de Santiago e o patrimonio arqueolóxico, crear accesos rodados, en bici e a pé entre a cidade e o río, e impulsar o entorno fluvial son algunhas das liñas estratéxicas do Muramiñae

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este luns que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas vén de conceder ao Concello o proxecto Muramiñae, Da Muralla o Miño, enmarcado dentro da convocatoria de fondos europeos de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (DUSI). Deste xeito, Lugo disporá de 10 millóns de euros para integrar o Miño na cidade a través do Carme e facer así unha cidade máis verde, máis sostible máis integradora e máis moderna, tal e como explicou a rexedora, quen lembrou que este proxecto se suma a outros que levan cristalizando ao longo do ano, onde o Concello concorreu a máis de 20 millóns para a cidade, unha cifra que redundará no conxunto de Lugo.
“Grazas aos fondos FEDER imos ser máis e mellor cidade. As cidades son para que as persoas as disfruten, e con esta estratexia, recuperaremos máis espazos para que elas sexan protagonistas”, asegurou Lara Méndez.
Muramiñae, un proxecto de todos e para todos
Muramiñae está conseguido grazas ao esforzo do Goberno anterior, que fixo ao Concello acredor da boa xestión de fondos europeos, pero tamén grazas a uns técnicos municipais excelentes e cunha capacidade de traballo insuperable, e ao esforzo político do Goberno Municipal que pelexou para ser adxudicatario. De feito, tal e como apuntou a Alcaldesa, dos 83 millóns desta convocatoria dirixidos para Galicia, das 7 grandes cidades galegas foron beneficiarias 4, entre elas Lugo.
Este traballo tamén incorpora o sentir desta Corporación, que soubo ver que o Miño ten un potencial sen rival como zona de lecer, así como as achegas da cidadanía. “Por iso é un proxecto de cidade, de toda a cidadanía”, asegurou Méndez, quen subliñou que se trata ademais dun proxecto transversal, elaborado por distintos departamentos da entidade local.
Orzamento
O proxecto, que ten un prazo de execución de 4 anos, conta cun orzamento de 12.050.000 euros, dos que o Ministerio achega o 80%, é a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e o Concello o resto, o 20%, uns 2,5 millóns de euros.
Liñas estratéxicas
Co obxectivo de unir a cidade e o río a través da zona do Carmen, eliminar a descontinuidade urbana que existe entre a Porta Miñá e o Miño, aproveitando ademais que discorre o Camiño de Santiago, e integrar o entorno fluvial na cidade, Muramiñae inclúe unha serie de actuacións que poden agruparse nas seguintes 7 liñas estratéxicas:
1.- Revitalización da zona do Carmen con accións de humanización e ordenación urbanística.
2.- Posta en valor do patrimonio:
- Acondicionamento da traza do Camiño de Santiago
- Estudo arqueolóxico da zona e creación de novas ventás arqueolóxicas, elaboración de material didáctico, e posta en valor dos restos arqueolóxicos das Termas Romanas
3.- Creación de novas conexións a pé, en bicicleta e rodadas entre a trama urbana e o río para favorecer a mobilidade e o acceso a zonas de esparexemento e deportivas situadas no entorno do Miño, como o estadio de fútbol Anxo Carro, o Pazo de Feiras e Congresos ou o Club Fluvial.
Entre outras medidas, inclúense:
- Crear un acceso rodado á altura da Volta da Viña que conecte directamente coa N-VI en sentido A Coruña, evitando así o rodeo que os condutores teñen que facer na actualidade. Isto mellorará a seguridade de vehículos e peóns e permitirá peonalizar a Calzada da Ponte, actuación tamén contemplada neste proxecto.
- Construír unha pasarela sobre a estrada nacional e ampliar o paso subterráneo
- Acondicionar un acceso que permita chegar a pé á zona fluvial, o que contribuirá a diminuír o tráfico rodado e humanizar a cidade
- Potenciar o uso do transporte público coa ampliación e a modernización da rede de transporte; desenvolver un plan de mobilidade en bicicleta, e a intermodalidade entre o transporte público e a bicicleta
4.- Impulso do entorno fluvial con novas actividades e dotacións culturais, así como accións de protección da ribeira e rexeneración de espazos. Entre outras medidas, proponse a creación dun parque temático da cultura castrexo romana no entorno fluvial que recree esta época e que acolla actividades divulgativas, con aportacións das asociacións culturais da cidade vinculadas ao Arde Lucus.
5.- Estimular a creación de emprego e a inserción sociolaboral, e apoiar o emprendemento a través de iniciativas relacionadas coa revalorización dos recursos naturais e patrimoniais.
6.- Potenciar o uso das novas tecnoloxías para ampliar os servizos públicos prestados aos cidadáns e poder facelo con máis eficacia e eficiencia, mellorar a transparencia, e impulsar a participación cidadá e a estratexia de Goberno Aberto.
Entre outras actuacións, inclúese:
- Modernizar a Administración Electrónica
- Ampliar os servizos dispoñibles da Tarxeta Cidadá para atraer novos usuarios e mesmo crear unha App cos servizos e virtualizar a tarxeta
- Desenvolver unha plataforma con navegador xeográfico –XIS- para a xestión intelixente das infraestruturas locais e o mobiliario urbano
- Crear unha plataforma de participación cidadá, unha aplicación que permita xestionar as súas solicitudes e iniciativas, e un sistema que permita realizar notificacións masivas aos veciños en función dos seus intereses
7.- Medidas de aforro enerxético e medioambientais:
- Instalación de dispositivos de aforro enerxético
- Sistemas de xestión que permitirán o control punto a punto da rede de alumeado para conseguir un consumo eficiente
- Renovación do equipamento
- Implementación dun sistema de toma de datos e análise que axude a identificar accións para optimizar o consumo
- Fomento da reciclaxe orgánica
Co Muramiñae, ademais dunha importante transformación do entorno comprendido entre a Porta Miñá e o río Miño, o Goberno busca potenciar o turismo como motor económico do concello, mellorar a mobilidade e converter o río nun elemento dinamizador máis.
“Grazas ao Muramiñae, Lugo vai ser unha cidade máis humana”, asegurou a Alcaldesa, ao tempo que afirmaba con rotundidade que “Lugo é un gran lugar para vivir. Témolo case todo: patrimonio, gastronomía, arte, lecer, turismo, e agora, imos telo todo introducindo o río na cotidianidade do día a día dos lucenses. Con este proxecto Lugo ábrese ao Miño”, concluíu a rexedora.
Audio
- Lara Méndez, sobre o proxecto Muramiñae |Descargar mp3