O Concello completará a rede de abastecemento aos 230 veciños de Orbazai coa dotación do servizo a Penarrubia

A Alcaldesa e o Concelleiro de Medio Rural supervisan as obras da acometida de auga aos núcleos de A Malladoira, Taboelle e O Cabalo, que estarán rematadas antes de acabar o ano cun investimento de 87.000€

O Goberno tamén ten en proceso de adxudicación os traballos para o subministro de auga ao núcleo de Vilar, en Adai, cun orzamento de 51.700€, e prevé melloras ou ampliacións en Conturiz (43.000€); Santa María de Muxa (12.200€); e Bocamaos (154.200€)

Deste xeito, están en marcha ou en previsión investimentos por 350.000€ na dotación de abastecemento ao rural, que se reforzarán coa provisión recollida nos Orzamentos do 2018 para as 54 parroquias lucenses de 1,3M€

Venres, 15 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello completará a rede de abastecemento aos 230 veciños de Orbazai coa dotación do servizo a Penarrubia

A Alcaldesa, Lara Méndez, e o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, avanzaron este venres que o Concello completará a dotación da rede municipal de abastecemento de auga aos preto de 230 veciños e veciñas da parroquia de Orbazai, unha das máis poboadas de todo o municipio, coa acometida prevista para Penarrubia. Este é o único núcleo de Orbazai que resta por contar con este servizo, unha vez que a entidade local está a piques de rematar as obras para o subministro en A Malladoira, Taboelle e O Cabalo. De feito, a rexedora e o edil de Medio Rural anunciaron o novo proxecto para Penarrubia, que xa ten consignación orzamentaria por importe de 105.000€, antes da visita que realizarán esta tarde ás obras da Malladoira, Taboelle e O Cabalo, que cun orzamento de 87.000€, rematarán antes de finalizar o ano.

Ao mesmo tempo, Lara Méndez e Miguel Fernández, tamén avanzaron que están en proceso de adxudicación os traballos para o subministro de auga ao núcleo de Vilar, pertencente á parroquia de Adai, limítrofe coa de Orbazai, cun orzamento de 51.700 euros.

O Goberno acometerá ademais nos vindeiros meses a dotación e mellora da rede de abastecemento nos núcleos de Conturiz (43.000€); Santa María de Muxa (12.200€); e Bocamaos (154.200€). Deste xeito, o Concello de Lugo ten en marcha ou en previsión investimentos por 350.000€ na dotación de abastecemento ao rural.

O Goberno continúa avanzando deste xeito na dotación e mellora de servizos fundamentais para a calidade de vida dos veciños e veciñas das 54 parroquias de Lugo, que representan o 80% do territorio e o 10% da poboación. “Este compromiso real e efectivo volvémolo a plasmar en cifras nos Orzamentos do 2018, nos que destinamos 1,3M€ a investimentos no rural, 300.000 deles correspondentes a saneamento, cumprindo así coa palabra dada aos veciños de aportar anualmente un 30% que deberá completar a Xunta cun 70%, e así dispoñer de 1M€ cada ano para ir avanzando progresivamente na dotación deste servizo básico e fundamental”.

Audio

Noticias relacionadas