O Concello activará mañá un novo plan de tráfico que permitirá eliminar a circulación de vehículos pola Rúa Nova de forma definitiva

Só terán acceso os vehículos de obra necesarios para completar os traballos, enmarcados no proxecto Zero: Corazón Verde entre Murallas que se atopan na súa recta final.

Xoves, 20 de marzo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello activará mañá un novo plan de tráfico que permitirá eliminar a circulación de vehículos pola Rúa Nova de forma definitiva

O Concello de Lugo activará mañá un novo plan de tráfico que permitirá eliminar a circulación de vehículos da Rúa Nova de forma definitiva. As actuacións contempladas neste plan comezarán a implementarse, previsiblemente, a media mañá, quedando restrinxido o tráfico unicamente á maquinaria necesaria para completar as obras que se atopan na súa fase final. Coa liberación de vehículos na Rúa Nova e a Rúa San Marcos estas dúas vías recuperan o seu uso completamente peonil.

Deste xeito, para poder rematar os traballos enmarcados no proxecto de peonalización entre a porta da muralla Bispo Odoario e a Praza de Ferrol, faise necesario ocupar o cruce entre a Rúa Nova con Rúa Montevideo, ao tempo que continuan os traballos na Rúa Bolaño Ribadeneira entre a Rúa Nova e a Rúa Quiroga Ballesteros.

Desta forma, os sentidos de circulación veranse afectados quedando da seguinte maneira:

  • Os vehículos de emerxencias, residentes e usuarios do Parking da Rúa Ramón y Cajal, entrarán e sairán pola Rúa Montevideo en dobre sentido de circulación, existindo un carril en cada sentido de circulación. Non se realizará a saída polo tanto por Rúa Nova.
  • O tramo de Montevideo entre a Rúa Ramón y Cajal e Rúa Nova será empregado só por residentes para acceso a garaxes e emerxencias, en dobre sentido de circulación, cun único carril de circulación. Non se realizará a saída por Rúa Nova.
  • Se algún vehículo discorre pola Rúa Nova procedente da zona de Praza da Soidade cara Rúa Montevideo, deberá desviarse por Carril dos Fornos, para continuar por Rúa María Balteira e saír por Rúa Montevideo cara a Porta de Bispo Odoario.

En resumo, os vehículos que queiran acceder a Montevideo desde Bispo Odoario ata rúa Nova terán entrada e saída por Bispo Odoario; mentres que os vehículos que queiran acceder á Praza de Ferrol, Bolaño Rivadeneira, Amor Meilán, San Froilán, e Quiroga Ballesteros (treito entre Bolaño Rivadeneira e San Froilán) terán entrada e saída por San Fernando, segundo o plan de tráfico comunicado onte e que está previsto activar esta tarde.

Noticias relacionadas