O Concello acada un plan estatal de 800.000€ co que ofrecerá gratis apoio integral a 260 lucenses para lanzar con éxito a súa empresa

Grazas ao programa Inicia Coworking, os emprendedores disporán no CEI Nodus dun espazo de traballo físico e virtual con todos os recursos de formación, asesoramento, técnicos, de marketing e financeiros para arrancar o seu proxecto

Comezará en abril e desenvolverase neste 2016 e no 2017. Abriranse catro convocatorias, cunha duración de 5 meses cada unha, e cun máximo por convocatoria de 22 proxectos, nos que poderán participar de unha a tres persoas

O obxectivo “é reter en Lugo o talento dos lucenses, captando proxectos innovadores vinculados aos xacementos de emprego, como os servizos sociais, turismo, xestión cultural, medio ambiente ou TICs”, afirmou a Alcaldesa

Este plan é froito “das xestións que fixemos nos últimos meses. O emprego é a nosa prioridade, polo que aínda non tendo as competencias, traballamos para atraer novos proxectos que dinamicen o mercado laboral da cidade”

Venres, 29 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este venres que o Concello vén de acadar un plan estatal en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria, grazas ao que, cun orzamento de 800.000 euros, ofrecerá de xeito gratuíto a máis de 260 lucenses un apoio integral, individual e personalizado, para poñer en marcha con éxito a súa empresa, asegurando a súa viabilidade tanto técnica como financeira.

“7.849 veciños e veciñas de Lugo están no paro, polo que, dende o Concello, aínda non tendo as competencias neste eido, pois son da Xunta e o Estado, traballamos día a día para atraer novos proxectos e investimentos á nosa cidade que dinamicen o mercado laboral e axuden a eses 7.489 lucenses no paro a encontrar un posto de traballo”, subliñou a rexedora, quen situou como prioridades do Goberno “o emprego e as políticas sociais”.

Froito das xestións “que mantivemos ante diversos Ministerios en Madrid nos últimos meses, acadamos este plan que impulsará a creación de emprego a través do emprendemento”, explicou Lara Méndez, quen lembrou que a actividade que levan a cabo os emprendedores e as PEMES xeran preto do 70% do emprego do país, o que os sitúa como o principal motor da economía. “Isto pon de relevo a importancia de apoiar a cultura emprendedora e que dende as administracións públicas, en coordinación coas organizacións profesionais, proporcionemos ás persoas que deciden iniciar esta actividade todos os recursos precisos para que o seu proxecto chegue a bo porto e teña continuidade”, asegurou.

Un revulsivo para o CEI Nodus

O programa Inicia Coworking en Lugo suporá un revulsivo para o Centro de Empresas e Innovación, o CEI-Nodus, “que xa vimos reforzando por exemplo coa recente implantación por primeira vez en Lugo da sede de AJE Galicia, o que abre novas oportunidades económicas para a cidade, pois ponnos no mapa empresarial da comunidade e reforza as sinerxías coas outras asociacións que están alí traballando, como a de Mulleres Empresarias ou o GDR Terras de Lugo, e tamén coas 21 firmas que funcionan a día de hoxe no viveiro de empresas”, explicou a Alcaldesa.

O plan consiste en implantar o concepto Coworking no CEI-Nodus, isto é: un espazo de traballo, físico e virtual, no que os emprendedores compartirán equipamentos e coñecementos, e disporán de todos os recursos de formación, asesoramento, técnicos, de marketing e financeiros. “En definitiva, un acompañamento paso a paso para lanzar un proxecto empresarial solvente e con garantías de futuro”, afirmou Méndez.

Aséntase sobre 5 piares: obradoiros de formación; asesoramento personalizado e especializado; networking ou rede de contactos; presentación do proxecto ante inversores e busca de financiamento.

88 proxectos, 260 persoas

O programa desenvolverase durante dous anos –neste 2016 e no 2017-. Abriranse catro convocatorias, dúas por ano, cunha duración de 5 meses cada unha, e cun máximo por convocatoria de 22 proxectos desenvolvidos, nos que poderán participar entre unha e tres persoas. Deste xeito, “impulsaremos polo menos 88 proxectos empresariais, nos que poderán tomar parte máis de 260 persoas”, explicou a rexedora.

O obxectivo, engadiu, “é reter en Lugo o talento dos lucenses, captando e impulsando proxectos innovadores vinculados aos xacementos de emprego da nosa cidade, como poden ser os servizos sociais, o turismo, a xestión cultural, o medio ambiente, as novas tecnoloxías... Deste xeito, dinamizamos e creamos valor engadido no tecido empresarial, que en definitiva redunda no desenvolvemento da cidade”.

O financiamento

O orzamento é de 800.000 euros, dos cales a Escola de Organización Industrial achega o 80%, é dicir, 640.000 euros -que á súa vez proceden do Fondo Social Europeo- e o Concello, o 20% restante (160.000 euros, de fondos propios).

Os prazos

O vindeiro mércores aprobarase en Xunta de Goberno o convenio coa Escola de Organización Industrial, que seguidamente se asinará para que esta entidade poida facer os trámites oportunos co fin de comezar o programa, que o Concello estima que poderá arrancar no mes de abril co proceso de selección de proxectos.

Outras medidas do Goberno en favor do emprego

Inicia Coworking en Lugo súmase a outras medidas concretas que o Goberno tomou nos últimos meses para crear emprego, como a posta en marcha do obradoiro Cultur@Lvcvs, que forma e dá traballo a 23 persoas nos ámbitos da xestión cultural, a educación ambiental e o turismo: o programa Lucus Mundi, grazas ao que 45 mozos e mozas con estudos de FP ou certificado de profesionalidade fan prácticas laborais en Europa; ou o aumento ata os 5 millóns de euros das partidas destinadas a políticas activas de emprego nos Orzamentos 2016, dos que 1,5 están destinados a un plan de emprego.

Audios

  • Lara Méndez, sobre o plan de apoio ao emprendemento Inicia Coworking (I)|Descargar mp3
  • Lara Méndez, sobre o plan de apoio ao emprendemento Inicia Coworking (II) |Descargar mp3

Noticias relacionadas