O Concello abre unha nova licitación para reactivar con urxencia a renovación da traída de augas no Grupo La Paz

A Administración local rescindiu o anterior contrato ante os reiterados incumprimentos da adxudicataria ao respecto dos prazos de execución das obras.

Con esta actuación, o Executivo de Lara Méndez pretende substituír as canalizacións de fibrocemento por outras máis duradeiras e resistentes en 187 acometidas de 10 rúas da urbanización.

Unha Xunta de Goberno Extraordinaria abordará mañá a apertura do procedemento para rematar os traballos, orzamentados en 616.204 €, nun prazo de 6 meses.

Xoves, 29 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello abre unha nova licitación para reactivar con urxencia a renovación da traída de augas no Grupo La Paz

O Executivo de Lara Méndez abrirá este venres un novo proceso de licitación para reactivar a renovación da traída de augas no Grupo La Paz.

Un procedemento que se tramitará pola vía da urxencia e en paralelo á terminación do expediente de resolución do contrato á anterior adxudicataria por recaer en reiterados incumprimentos do prazo de execución das obras.

Así, unha Xunta de Goberno Extraordinaria autorizará mañá a contratación das tarefas de substitución das canalizacións de fibrocemento existentes en 10 vías da urbanización de Fingoi, por outras de fundición, máis duradeiras e resistentes. Labores que foron cuantificados en 616.204 euros e que deberán finalizar nun prazo de 6 meses.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, incidiu na celeridade coa que o Concello abordou este expediente para reanudar as actuacións pendentes co obxectivo de diminuír os prexuízos que tivo para a veciñanza da zona as demoras nas que incorreu a anterior empresa que “só chegou a executar o 6’53% do orzamento previsto no 80% do tempo asignado para materializar toda a intervención, sendo o seu rendemento manifestamente insuficiente o que derivou na rescisión do contrato”, indicou o edil.

O responsable de área lembrou que, en total, o Executivo de Lara Méndez actuará sobre 187 acometidas do Grupo La Paz, 62 delas pluviais, concentrando, fundamentalmente, os esforzos nas rúas Camelia, Acibro, Alecrín, Estrelamar, Padre Sarmiento, Santo Domingo de la Calzada, Carpaza, Ligustro, Pardo de Cela e Estralote.

“O obxectivo é poñer fin ás avarías que teñen a súa orixe no feito de que as conducións sexan de fibrocemento, xa que esta substancia é moito máis sensible aos contrastes climatolóxicos e presenta, á súa vez, unha maior predisposición ás roturas e menor tolerancia ás variacións de fluxo da traída. Polo que, con ela queremos eliminar esta casuística e rematar, alén, cos trastornos que lle ocasiona á cidadanía”, sinalou o tenente de alcaldesa.

Miguel Fernández detallou, así mesmo, que a substitución das tubaxes actuais se fará por outras de función dúctil ao tempo que tamén se levará a cabo a renovación dos colectores de saneamento que verten á rúa Armórica e á Rolda de Fingoi que, pola súa antigüidade e polos materiais cos que foron construídos (formigón), presentan deficiencias no seu funcionamento.

Ademais, previamente á posta en marcha das novas canalizacións, realizaráselles un lavado e desinfección para que poidan operar en condicións óptimas.

Fernández recordou tamén que, no que vai de mandato, o Executivo de Lara Méndez investiu preto de 1’5 millóns de euros na renovación das canalizacións de fibrocemento en distintos puntos da cidade.

Audio

  • O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre a reactivación do Grupo La Paz | Descargar mp3

Noticias relacionadas