O comercio local sae mañá á rúa durante 10 horas coa VIII edición do mercado Comercio na Rúa Street Market

Lara Méndez, Álvaro Santos e Nora Real presentaron esta iniciativa organizada pola Asociación de Autónomas de Lugo, na que participarán preto de 90 locais de todos os sectores, que ofrecerán descontos de ata o 80%

Martes, 03 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
a VIII edición do mercado Comercio na Rúa Street Market

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Deputado de Promoción Económica e Social e Patrono da Fundación TIC, Álvaro Santos, e a Presidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, Nora Real, presentaron este martes no Salón de Plenos a VIII edición do mercado Comercio na Rúa Street Market, que terá lugar nas rúas da cidade luguesa mañá mércores, 4 de maio, dende as 10:30 horas da mañá ata as 20:30 horas, 10 horas de xeito ininterrompido.

No acto de presentación, ao que tamén asistiu a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e a tesoureira do colectivo organizador, Marta López, a rexedora fixo fincapé na importancia desta iniciativa “máis que asentada”, xunto con outras levadas a cabo polas Autónomas de Lugo,  para axudar ao desenvolvemento económico da cidade, remarcando que o comercio supón o 14% do PIB municipal e xera o 16% dos postos estables de traballo na cidade. Neste senso, Lara Méndez defendeu a capacidade de reiventarse e reciclarse das autónomas para buscar novas fórmulas e facer fronte á crise.

“O Concello está unha vez máis ao lado das autónomas con esta iniciativa que impulsa o comercio de proximidade”, asegurou Méndez, quen subliñou que este é un sector estratéxico para a cidade, na que máis do 80% das empresas pertencen ao sector servizos. Para rematar, a Alcaldesa convidou a todos os lucenses a realizar as súas compras mañá e ao longo de todo o ano no comercio local.

Pola súa banda, Nora Real subliñou a “necesidade de activación do comercio local, capaz de facer máis atractiva e máis moderna á cidade”, ao tempo que agradeceu a colaboración do Concello nunha edición máis desta iniciativa, á que lle augurou o mesmo éxito que os demais anos.

Neste senso, incidiu Santos Ramos, quen feliciou á Asociación de Autónomas por ter chegado á oitava edición “desta iniciativa que medra e fai medrar á cidade e á provincia de Lugo”. O Deputado subliñou ademais a oportunidade destes proxectos para que os estudantes da Escola de Imaxen e Son, dependente da Deputación, poidan facer prácticas en escenarios reais, “que se non fora por estas iniciativas non terían no seu haber prácticas reais”.  Santos tamén quixo lembrar a importancia de encher as rúas de movemento, ao tempo que se lle da a oportunidade aos lucenses e visitantes de comprar dun xeito máis ameno e apacible e con mellores prezos.

Descontos de ata un 80% en preto de 90 comercios

O VIII Street Market ofrecerá descontos de ata o 80% nun amplo catálogo de produtos dende téxtil, calzado ou complementos, ata xoias ou lentes ópticas. Na cita participarán preto de 90 comercios de todos os sectores ubicados nas rúas San Roque, Montero Ríos, Progreso, Santo Domingo, Doutor Castro, Soidade, Campo Castillo, San Froilán,  Quiroga Ballesteros, Armanyá, San Pedro, rúa Nova, Conde Pallares, Cruz ou na Praza Maior. Todos os establecementos participantes estarán debidamente identificados coa cor laranxa xa identificativa deste evento.

O mercado Comercio na Rúa Street Market celébranse na primavera e no outono coincidindo co remate das tempadas de inverno e verán, co obxectivo de atraer ao centro da cidade a lucenses e visitantes para que coñezan de preto o que ofrece o comercio de Lugo.

Audio

  • Lara Méndez, sobre a VIII edición do mercado Comercio na Rúa Street Market | Descargar mp3

Noticias relacionadas