O Ciclo de Música Contemporánea MIHL Sons-XXI celebra cinco anos enxalzando a creación musical europea

Carmen Basadre, Pilar García, Diego Ventoso e Juan Ignacio Martínez presentaron a programación, que inclúe conferencias, concertos, un espectáculo de danza e un obradoiro, dende o 4 de abril ao 2 de maio

Luns, 27 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Ciclo de Música Contemporánea MIHL Sons-XXI celebra cinco anos enxalzando a creación musical europea

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a Deputada de Cultura, Pilar García, o coordinador do Ciclo de Música Contemporánea de Lugo, Diego Ventoso, e o profesor e pianista, Juan Ignacio Martínez, presentaron este luns no Salón de Plenos a quinta edición deste ciclo de música, que terá lugar entre o 4 de abril e o 2 de maio no Museo Interactivo da Historia, na Casa do Saber  e no Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes. O obxectivo desta cita é dar a coñecer anualmente ao público lucense unha mostra representativa das distintas tendencias da musica contemporánea, facendo fincapé nesta edición sobre a música actual en Europa. O ciclo inclúe conferencias, concertos, un espectáculo de danza e un obradoiro. Todos eles son de entrada libre e gratuíta ata completar aforo.

No acto de presentación, Carmen Basadre valorou o traballo de Ventoso e Martínez para que Lugo, un ano máis, destaque no panorama da música contemporánea, mantendo ademais unha das apostas máis sólidas e didácticas da primavera na cidade, como é o MIHL Sons-XXI. Ademais, a edil tamén subliñou a contribución de MIHL Sons-XXI ao coñecemento e a divulgación dun sentido máis amplo da música, máis aló da concepción do estilo tracional, así como da danza.

Pola súa banda, Pilar García subliñou que "Concello e Deputación tratan de traballar da man para impulsar actividades culturais na cidade de Lugo, que sen dúbida teñen alcance provincial". Ademais, a Deputada lembrou a colaboración da Fundación TIC, quen grabará algunhas das activididades culturais deste ciclo para difundilas posteriormente, co obxectivo de dinamizar o eido cultural de Lugo.

Por último, Ventoso agradeceu a colaboración das institucións para apoiar este ciclo, que xa se fixo un oco no calendario cultural lugués, ao tempo que convidou a todas as interesadas a achegarse a todas as actividades.

A programación

As conferencias-concertos comezarán o martes 4 de abril, na Casa do Saber, cunha exposición sobre a complexidade e neotonalidade. Posteriormente, o martes 18 de abril, tamén nestas mesmas instalacións terá lugar a conferencia O amplo abano da sonoridade: do silencio á saturación plena, e o martes 25, Novos horizontes na arte sonoroa: retroespectiva e actualidade, no MIHL. A última conferencia será o día 2 de maio, tamén no MIHL, baixo o título Camiños Interiores e Camiños Abertos. Todas elas terán lugar ás 20:00 horas, e unha vez rematadas, celebrarase un concerto. En total terán unha duraración de dúas horas.

O martes 7 de abril ás 20:30 horas, no MIHL, o alumnado do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes ofrecerá o concerto Autorretrato, e o venres, 21 de abril, o grupo de percusión deste conservatorio e o de danza do Conservatorio de danza, ofrecerán o espectáculo Six Japanese Gardens.

O concerto didáctico para escolares A improvisación: unha ferramenta de creación musical, será o venres 7 de abril, a partir das 11:00 horas no MIHL. Asistirán 4 institutos de Lugo e uns 150 alumnos e alumnas.

Este ciclo de música inclúe tamén un obradoiro de libre improvisación musical, o día 6 de abril, de 17:00 a 20:00 horas, no Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes. Está dirixido a 20 rapaces e rapazas, que ao día seguinte no concerto didáctico interpretarán unha peza.

Audios

Documentos

Noticias relacionadas