O Caudal Fest, impulsado polo Concello de Lugo, esgota os primeiros 5.000 abonos para a edición de 2025 en pouco máis de 48 horas

A cita terá lugar os días 19 e 20 de setembro na contorna fluvial do Miño e volverá a contar con bandas e artistas de referencia no panorama nacional.

Xoves, 26 de setembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Caudal Fest, impulsado polo Concello de Lugo, esgota os primeiros 5.000 abonos para a edición de 2025 en pouco máis de 48 horas

O Caudal Fest, a última gran festa do verán impulsada polo Concello de Lugo, esgotou en apenas dous días os 5.000 primeiros abonos para a súa sétima edición, que terá lugar os días 19 e 20 de setembro do vindeiro ano e que volverá a contar con bandas e artistas de referencia no panorama nacional. Tras bater récord de asistencia na edición celebrada fai escasos días, todo indica que este evento volverá ser multitudinario en 2025.

Tras arrincar o pasado luns 23 de setembro ás 13:00 horas a saída á venda de 5.000 abonos early-bird, a acollida non puido ser mellor, pois a organización comunicou este mércores ás 17:30 horas que xa se venderan todas as entradas dispoñibles ata o momento. Este tipo de abonos púxose á venda sen aínda darse a coñecer os artistas que se subirán aos escenarios, o que demostra que o espírito musical e de lecer deste festival constitúe por si un gran reclamo para que o público queira estar presente unha edición máis.

A rexedora, Paula Alvarellos, fixo unha primeira valoración “moi positiva” da última edición do Caudal, que reuniu a pasada fin de semana a 40.000 persoas na contorna fluvial do río Miño, acadando un 100% de ocupación hoteleira no municipio. “A falta dos datos oficiais, que nos permitan facer un balance máis exhaustivo, esta foi a edición máis exitosa do Caudal, en termos de organización, de afluencia de público e de retorno económico, o que demostra que se trata dunha cita en continua progresión. En 2023 foron 35.000 as persoas que pasaron polo Caudal, mentres que este ano a cifra de asistentes sitúase en 40.000, polo que se prevé un incremento importante dese impacto”, subliñou.

Noticias relacionadas