A Alcaldesa de Lugo presentou esta mañá un programa que cualificou de excepcional con máis actividades e novas propostas coas que innovar e sorprender.
Entre as novidades destacan os Xogos Píticos, unhas olimpíadas na honra do deus Apolo; espectáculos de lume e de animación na rúa e A Palestra, coa participación de clubs deportivos.
Alvarellos e Bustos deron as grazas ás asociacións de recreación histórica, aos colexios e ás empresas pola súa implicación e fixeron unha chamada á participación da cidadanía.

A zona peonil da Ronda da Muralla, á altura da Mosqueira, serviu hoxe como punto de encontro para a presentación do programa do Arde Lvcvs 2024, unha edición que ofertará máis de 300 actividades, entre as que figuran importantes novidades, enfocadas a exaltar a recreación histórica, a potenciar ao máximo a animación na rúa e a acadar a implicación da xente máis nova, con máis actividades dirixidas á xente nova e á xuventude. A Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, definiu este programa de 2024 como “excepcional, á altura das altas expectativas desta festa, con moitas actividades para todos os públicos e novas propostas coas que innovar e sorprender”.
A alcaldesa estivo acompañada polo concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos; por integrantes das asociacións de recreación histórica que participan na festa, e por representantes de empresas lucenses, colaboradoras e patrocinadoras do Arde Lvcvs. A todos eles, Paula Alvarellos deu as grazas “pola súa implicación e compromiso, que fixeron posible que o ano pasado este evento fose declarado Festa de Interese Turístico Internacional, e por manter as mesmas ganas e ilusión nesta nova edición, para seguir avanzando e innovando nunha festa única no mundo”.
Neste sentido destacou que “o Arde Lvcvs contará un ano máis co respaldo e impulso de 19 asociacións de castrexos e romanos que son parte moi activa deste evento; tamén 20 centros de ensino, que traballaron durante varias xornadas previas para achegar ao gran desfile do domingo a máis de 4.000 persoas caracterizadas, ás que acompañarán os integrantes dunha ducia de colectivos chegados de toda a Península Ibérica e tamén doutros puntos de Europa”.
Entre as novidades do programa deste ano, Paula Alvarellos tivo unha mención especial para un acto que “quedará instaurado neste 2024, xusto antes do apagado do lume, dedicado á memoria dos cidadáns e cidadás que xa non están connosco pero que fixeron moito polo Arde Lvcvs; para eles e elas será esa homenaxe coa que queremos que nunca se esqueza a súa pegada”.
Nun ton máis persoal, a Alcaldesa de Lugo sinalou que “para min esta edición do Arde Lvcvs vai ser máis especial, se cabe; porque ao orgullo que para calquera lucense supón esta festa, no meu caso se suma o de representar ao Concello de Lugo e aos cidadáns e cidadás nunha cita que senten como propia, porque a viron nacer e participaron nela desde os seus comezos”.
Principais novidades
O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, foi o encargado de concretar o programa de actos, prestando especial atención ás novidades deste ano. Así, entre outras, chamou a atención da denominada “A Palestra”, coa participación duns 200 nenos e nenas de clubs deportivos da cidade, “que fixeron un gran traballo de investigación e recreación histórica, para adaptar os deportes actuais ás disciplinas deportivas da época, e que se desenvolverá na recentemente renovada praza do Ferrol”.
Tamén destacou a celebración dos “Xogos Píticos, unha recreación histórica dos xogos olímpicos na honra do deus Apolo, e que levarán as carreiras de cuadrigas e cabalos e as batallas de gladiadores con armas propias da época, ata a explanada do pavillón dos deportes”. Estas olimpíadas deportivas se realizarán na zona próxima na que se desenvolve o circo romano. Precisamente, sobre este evento o concelleiro de Xuventude adiantou que toda a información ao respecto estará dispoñible a partir do día 3 na páxina web entradaslugo.es, para poder mercalas desde o día 6 de xuño.
Ademais das novidades que buscan potenciar a recreación histórica que define a esta festa, tamén haberá incorporacións ao programa dirixidas aos máis novos, o que se traduce en máis actos no Miúdo Arte, enfocado a nenos e nenas. Tamén este ano terá lugar a segunda edición de Cantando o Arde Lvcvs, coa participación de varios centros de ensino.
Ademais, Jorge Bustos chamou a atención sobre outros cambios que introduce o programa deste ano, como a recuperación dos postos de comida e restauración, que volven a formar parte da festa, como fixeron nas edicións anteriores á pandemia; novos espectáculos de lume; e a potenciación de máis actividades de animación na rúa.
Audios
- A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre o Arde Lucus | Descargar mp3
- O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, sobre o Arde Lucus | Descargar mp3


