Tomé recibiu a Miguel Fernández no Pazo de San Marcos, na súa primeira visita oficial como alcalde, para tratar asuntos xa comprometidos e abordar novas vías de cooperación.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, foi recibido esta mañá polo presidente da Deputación, José Tomé, no que foi a súa primeira visita como rexedor municipal ao Pazo de San Marcos. A reunión tiña como obxectivo avanzar en varios proxectos nos que xa están traballando ámbalas dúas institucións, ao tempo que abordaron novas vías de cooperación en futuros proxectos para a cidade.
O rexedor lucense fixo fincapé na importancia desa colaboración entre administracións e sobre o labor da Deputación de Lugo á hora de contribuír á cohesión social e territorial de Lugo así como a outros proxectos no ámbito cultural. “Afortunadamente Lugo e os lucenses somos coñecedores deste gran traballo, xa que desde hai moito tempo a colaboración levada a cabo entre o Concello e Deputación está a permitir que a nosa cidade consolide o seu proxecto modernizador, permitíndonos así mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, e o que non é menos importante, dinamizar o noso tecido produtivo xerando riqueza, emprego e fixando poboación”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación explicou que “con Miguel Fernández na Alcaldía aseguramos a continuidade dos proxectos que están a transformar positivamente a cidade, seguindo co modelo polo que apostou Lara Méndez e que tivo continuidade con Paula Alvarellos”. Ademais, sobre o novo alcalde comentou que “ten demostrado unha capacidade de liderado e unha dedicación exemplar ao servizo público, ademais é compañeiro na Deputación de Lugo polo que estamos en constante comunicación”, explicou José Tomé.
Previamente, e por tratarse da primeira visita oficial como alcalde á Deputación, Miguel Fernández asinou no libro de ouro, e dixo sentirse “moi emocionado por ter o inmenso privilexio de poder asinar como alcalde da miña cidade o libro de ouro desta institución, pola que sinto un profundo agarimo e da que síntome parte como deputado provincial. É importante destacar e poñer en valor todo o traballo que esta administración leva a cabo en beneficio de cada un dos territorios que conforman a nosa provincia”.



