O Alcalde modifica o Goberno local coa creación da Área de Desenvolvemento Local da que se ocupará Rosana Rielo

Sonia Méndez retoma as súas responsabilidades na Concellería de Economía logo da súa baixa maternal 

Luns, 02 de febreiro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde, José López Orozco, anunciou hoxe un reaxuste no Goberno local consistente na creación da Área de Desenvolvemento Local, na que se integrarán os servizos e actividades municipais relativos ás materias de Orzamentos participativos e Desenvolvemento local.

O Alcalde fixo este anuncio acompañado polas Concelleiras de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, que se reincorpora ó seu posto logo da súa baixa por maternidade, e por Rosana Rielo que se vai facer cargo a partir de agora da nova área, na que se incluirán os Talleres e Obradoiros de Emprego, a Axencia de Desenvolvemento Local e o CEI-Nodus.

Tanto Sonia Méndez como Rosana Rielo formarán parte da Xunta de Goberno Local. Ademais, Sonia Méndez continuará desempeñando, as funcións de Segunda Tenenta de Alcalde mentres que Rosana Rielo será a Oitava Tenenta de Alcalde e non disporá de adicación exclusiva xa que vai compatibilizar as súas responsabilidades no Goberno local co seu posto de traballo.

O Alcalde amosou a súa satisfacción pola reincorporación de Sonia Méndez e agradeceu expresamente o traballo que desenvolveu á fronte da Concellería de Economía durante estes meses Rosana Rielo.

Por outra parte, López Orozco aconselloulle ó Voceiro do PP, Jaime Castiñeira, que viaxe un pouco para informarse para que vexa que en todas as cidades, mesmo as gobernadas polo seu partido, está regulado o aparcamento de vehículos e tamén lle lembrou que precisamente foi o PP o que creou a ORA en Lugo.

Noticias relacionadas