O Alcalde de Lugo participa na sinatura dun convenio co Ministerio de Vivenda que prevé a rehabilitación de 78 vivendas no barrio do Sagrado Corazón e no Casco Histórico por 1.983.800 euros

Luns, 22 de febreiro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou hoxe na Coruña na sinatura do convenio efectuada pola Ministra de Vivenda, Beatriz Corredor, co Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta, Agustín Hernández, na Comisión Bilateral de Seguimento do Plan Estatal de Vivienda e Rehabilitación 2009-2010 (PEVR).

O Ministerio comprometeu 7,48 millóns de euros para o desenvolvemento de mil actuacións de rehabilitación de vivendas en Galicia. Entre eles, o ARI do barrio do Sagrado Corazón en Lugo. O acordo prevé a rehabilitación de dez vivendas e unha inversión total de 175.000 euros.

Así mesmo, o acordo asinado hoxe recolle a rehabilitación de centros históricos. Con cargo ao convenio rehabilitaranse 68 vivendas no centro histórico de Lugo cunha inversión de 1.808.800 euros.

José López Orozco saudou este acordo, posto que permite “seguir avanzando na rehabilitación das vivendas do Sagrado Corazón e do Casco Histórico o que conseguirá avanzar nunha cidade moderna e dinámica que xere emprego e benestar social”.

Os convenios subscritos son os primeiros que se firman no marco do Plan Estatal de vivenda e Rehabilitación 2009-2012, que beneficiará a case 50.700 familias galegas cunha inversión estatal de 463,4 millóns de euros.

Multimedia

Noticias relacionadas