O Alcalde de Lugo amosa a súa satisfacción polo premio outorgado á rehabilitación da Tinería pola ONU e felicita a todos "os que creron e fixeron posible que fose unha realidade"

Xoves, 01 de outubro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, amosa a súa satisfacción polo recoñecemento feito hoxe pola ONU ao proxecto de rehabilitación de edificios no Centro Histórico de Lugo da Tinería. Neste sentido, traslada a súa felicitación e a do seu Goberno a todos os que creron e fixeron posible que fose unha realidade.

Así, recorda que o proxecto foi unha iniciativa que o Concello trasladou o 17 de marzo de 2003 ao Consello Económico e Social presidido por Manuel Fraga e que recibiu a comprensión e apoio do Goberno galego para sacalo adiante. Compromiso que continuou a administración presidida por Emilio Pérez Touriño e que, “estamos convencidos, seguirá acometendo o actual Goberno da Xunta”.

O Alcalde de Lugo quere agradecer de xeito especial a sensibilidade e comprensión de Manuel Fraga “por saber entender a importancia dun proxecto como o da Tinería para a cidade de Lugo”.

O Alcalde de Lugo agradece así mesmo, a participación e apoio de todos os axentes implicados o que posibilitou “ter un barrio novo, reformado e con enormes potencialidades dentro do Casco Histórico”. “Hoxe os lucenses estamos de noraboa porque se recoñece o noso traballo e o noso esforzo a prol da cidade e dos seus habitantes”, expuxo.

Recordou que se trata dunha actuación que permitiu recuperar o patrimonio arquitectónico do barrio e rehabilitar as edificacións e así obter vivendas protexidas para persoas con dificultades.

Noticias relacionadas