Miguel Fernández participou na tradicional ofrenda do Domingo das Mozas, a cargo da música e docente, Branca Villares, nun acto no que avogou por comprometerse tamén coa lingua galega e a conservación das nosas tradicións.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado por gran parte das concelleiras e concelleiros da Corporación Municipal, participou nun dos actos máis significativos e simbólicos do San Froilán como é a ofrenda a Rosalía de Castro. No parque dedicado á escritora, o rexedor dixo sentirse “honrado por participar nesta ofrenda a Rosalía, un acto que reivindica o compromiso coa igualdade, coa lingua galega e coa conservación das nosas tradicións, que tamén son referentes nesta xornada do Domingo das Mozas”.
Tamén tivo palabras de agradecemento á oferente deste ano, a docente e música Branca Villares, unha “divulgadora da cultura de base, das letras das cantareiras, dos sons das pandeiretas e de toda esa tradición que forma parte da nosa cultura popular; unha cultura que hai que manter e dar a coñecer, ao igual que a figura e a obra, ambas reivindicativas de Rosalía de Castro”, sinalou.
Por último, é antes de dar paso á concelleira de Cultura Maite Ferreiro, sinalou que “tanto a vida como a obra de Rosalía de Castro supuxeron un dobre compromiso: pola igualdade das mulleres e tamén unha reivindicación pola lingua galega”. Neste sentido, Miguel Fernández destacou que “en ambos aspectos rompeu barreiras e hoxe rendémola homenaxe agardando que o espírito de Rosalía, crítico e reivindicativo, nos sirva de exemplo e guía para cumprir novos desafíos a prol da igualdade”.





