O acendido das luces dá comezo ao Nadal de Lugo

A atleta lucense Adiaratou Iglesias foi a encargada de acender as luces

Maite Ferreiro: “nos vindeiros días anunciaremos a programación para estas festas”

Domingo, 08 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O acendido das luces dá comezo ao Nadal de Lugo

A atleta Adiaratou Iglesias, subcampiona do mundo de 100 metros no Mundial de Atletismo Paralímpico de Dubai, foi a encargada de dar inicio á campaña de Nadal que organiza a área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua. Maite Ferreiro agradeceu a súa asistencia a toda a veciñanza que se achegou ao acto, e animou a quen non puidera achegarse, ao igual que a toda a veciñanza “a desfrutar das luces e das actividades que estamos a organizar para esta campaña de Nadal, e que anunciaremos nos vindeiros días”.

A xornada comezou ás 18:30, cun obradoiro de globoflexia para toda a familia, continuando ás 19:00 horas cun concerto de jazz con temática de Nadal. Ás 20:00 horas, acendéronse dos 208 arcos e 81 elementos luminosos que se colocaron este ano por toda a cidade, ademais da decoración da Praza Maior, que consta dunha árbore de 20 metros de altura e un conxunto de 20 metros de longo. En total, segundo informou Maite Ferreiro, colocáronse por toda a cidade máis de 600.000 led “cunha inversión de 120.000€, reducindo o gasto dos pasados anos”.

“Na situación de emerxencia climática pola que estamos a pasar, dende a área de Cultura apostamos por reducir o consumo enerxético e acoutar a contaminación lumínica minimizando deste xeito na medida do posible o impacto ambiental”, indicou Maite Ferreiro, que engadiu “a iluminación de Lugo está feita con tecnoloxías eficientes, como o LED e a fibra óptica”.

Multimedia

  • O acendido das luces dá comezo ao Nadal de Lugo
  • O acendido das luces dá comezo ao Nadal de Lugo

Noticias relacionadas