Música, maxia e teatro enchen as prazas de Lugo, co Ágora Cultural do Concello e a Deputación

Durante cinco semanas haberá un total de 21 actuacións de distintas disciplinas culturais, como teatro, maxia, música, así como foliadas

Xoves, 26 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Música, maxia e teatro enchen as prazas de Lugo, co Ágora Cultural do Concello e a Deputación

O Concello e a Deputación de Lugo poñen en marcha unha nova programación lúdico-cultural, totalmente gratuíta e para todas as idades, durante o mes de agosto, por distintas prazas da capital lucense. En total, son 21 actividades, de distintas disciplinas culturais, como teatro, maxia, música, así como a gran foliada, o último día da programación na Praza do Campo.

Con esta iniciativa, a entidade local e a provincial aproveitan os espazos públicos da cidade, ofrecendo aos veciños e veciñas unha nova programación cultural coa que seguir dinamizando a economía da provincia. O Ágora Cultural 2018 é un grande atractivo, tanto para todos os e as lucenses como para as persoas visitantes que se acheguen á cidade de Lugo durante o mes de agosto, co que poderán desfrutar de concertos en directo, espectáculos de teatro ou maxia de primeiro nivel, totalmente de balde, por todas as prazas e parques da capital. 

Música, teatro e maxia

O Ágora Cultural é un programa de ocio cultural que inclúe diversas propostas co fin de dinamizar as prazas da cidade de Lugo durante o verán. Durante cinco semanas haberá un total de 21 actuacións, os luns, serán desde o Templete da Praza Maior, con concertos nos que se interpretarán diferentes músicas do mundo, desde sons cubanos ata fados, pasando pola música popular que se interpretaba nas festas locais de mediados do século pasado.

Seguindo coa programación, os martes, na Praza da Milagrosa, as familias poderán asistir a espectáculos musicais, de monicreques e de maxia. Os mércores, na Praza da Soedade haberá música, maxia, malabares e teatro, propostas tamén destinadas a un público familiar. Os xoves as actividades trasladaranse á Praza do Campo Castelo, sendo o turno para os concertos de grupos galegos que se moven nos diferentes estilos, desde o jazz ata o funk ou o pop, pasando pola música galega de vangarda e de nova xeración. E os veres, da man dalgúns dos máis senlleiros grupos de música tradicional da provincia de Lugo, serán as foliadas as que invadirán á Praza do Campo e as rúas do Centro”, explicou García Porto.

Programación:

  • O 1 de agosto ás 20:00 na Praza da Soedade, terá lugar A Biblioteca Máxica, de Pallaso Piruleta & Cía, unha actuación no que se mesturan maxia, circo e música.
  • O 2 de agosto ás 21:30 horas na Praza de Campo Castelo actuación do Ribeira Sacra Jazz Orquestra que promociona os elementos singulares da Ribeira Sacra.
  • O 3 de agosto ás 21:00 horas na Zona Praza do Campo o grupo de música tradicional Os Valuros presenta o seu repertorio.
  • O 6 de agosto ás 19:00 horas no Templete da Praza Maior sons cubanos co grupo Habana Jam Quinteto, interpretan un repertorio a medio camiño entre o Son e o Bolero, mesturando a tradición coa vangarda.
  • O 7 de agosto ás 20:00 horas na Praza da Milagrosa haberá un concerto de musica infantil coa A fiestra dos soños de Trotaventos, nesta presentación musicalizan poemas cun o toque intercultural dos diferentes ritmos do mundo.
  • O 9 de agosto ás 21:30 horas na Praza de Campo Castelo terá lugar a actuación de Os Amigos dos Músicos, con raíz na canción popular galega.
  • O 10 de agosto ás 21:00 horas terá segue a música tradicional galega da man de Fiadeira.
  • O 13 de agosto ás 19:00 horas no Templete da Praza Maior terá lugar Atlanta, a actuación de Iria Estévez que nos transportará a terras próximas e lonxanas, a través das músicas que navegan no noso mar.
  • O 14 de agosto ás 20:00 horas na Praza da Milagrosa terá lugar The Piccole Theatre de Marionetas Trécola, unha obra de teatro con marionetas de fío construídas en 1981.
  • O 16 de agosto ás 21:30 horas na Praza de Campo Castelo cita con Victor Coyote que pivota entre o funk, os ritmos brasileiros, o electrorock, o powerpop e o glamfolk.
  • O 17 de agosto ás 21:00 horas na Zona Praza do Campo quenda de actividades con Os Rechouchíos que inclúe xogos de lecer en galego (música, teatro, contacontos).
  • O 20 de agosto ás 19:00 horas no Templete da Praza Maior o grupo de Son’s Varadero actúan cun repertorio clásico tinguido da música de sempre: habaneras, boleros, pasodobres...
  • O 21 de agosto ás 20:00 horas na Praza da Milagrosa terá lugar A familia Unida de Micromina Títeres un espectáculo de titeres de luva, que personifican a dualidade humana.
  • O 22 de agosto ás 20:00 horas na Praza da Soedade comeza Eu Cociño ti Cociñas de Mamá Cabra un espectáculo músico-teatral onde a cociña e a alimentación saudables se converten nos fíos condutores dunha viaxe culinaria.
  • O 23 de agosto ás 21:30 horas na Praza de Campo Castelo a cantante Berta Franklin presenta o seu espectáculo na que se mesturan letras en galego, temas propios, sons americanos e unha posta en escena moi coidada.
  • O 24 de agosto ás 21:00 horas na Zona Praza do Campo actúa o grupo de música tradicional Os Xílgaros de Lugo.
  • O 27 de agosto ás 19:00 horas no Templete da Praza Maior o grupo Airiños da Freba, realiza un viaxe musical polo Lugo senlleiro dos anos 30, 40 e 50 do século pasado.
  • O 28 de agosto ás 20:00 na Praza da Milagrosa terá lugar Maxia de Aquí e de Acolá do Mago David Méndez que é unha mestura de maxia, comedia e improvisación.
  • O 29 de agosto ás 20:00 horas na Praza da Soedade maxia con Ilusións por e para Mª Victoria Moreno de Martín Camiña un espectáculo guionizado na persoa á que se lle adicou o Día das Letras Galegas neste 2018.
  • O 30 de agosto ás 21:30 horas na Praza de Campo Castelo actuación de Tabarte no que se unen tres músicos que propoñen unha viaxe a través das músicas populares de Galicia e doutras latitudes.
  • O 31 de agosto ás 21:00 horas na Zona Praza do Campo remata a programación cunha gran Foliada na que participan Os Valuros, Fiadeira, Os Rechouchíos e Os Xílgaros.

Noticias relacionadas