A música contemporánea dos Estados Unidos chega a Lugo da man do IV Ciclo MIHLSons-XXI

Carmen Basadre presentou a programación, que se celebrará do 5 ao 26 de abril no Museo Interactivo da Historia de Lugo, na Casa do Saber e no Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes. A entrada é de balde

A cuarta edición deste ciclo de música engloba un concerto, un espectáculo de música e danza, un concerto didáctico para escolares e catro conferencias

Mércores, 30 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A música contemporánea dos Estados Unidos chega a Lugo da man do IV Ciclo MIHLSons-XXI

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o coordinador do Ciclo de Música Contemporánea de Lugo, Diego Ventoso, e o profesor e pianista, Juan Ignacio Martínez, presentou este mércores no Salón de Plenos a cuarta edición deste ciclo de música, que terá lugar entre o 5 e o 26 de abril no Museo Interactivo da Historia de Lugo, na Casa do Saber e no Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes. Trátase dun ciclo enfocado a dar a coñecer a música contemporánea, que nesta cuarta edición versará sobre a música dos Estados Unidos, tratando á vez de amosar as claves que explican o seu desenvolvemento.

Durante a presentación, Carmen Basadre amosou a súa satisfacción “porque xa se levan catro edicións deste ciclo, o que quere dicir que xa está consolidado e que foi algo innovador e importante, xa que contribúe ao coñecemento e á divulgación dos distintos estilos musicais e a conxugación da música e da danza”.

Pola súa banda, Diego Ventoso anunciou as distintas seccións que compoñen o IV Ciclo de Música Contemporánea de Lugo MIHLSons-XXI, un concerto, un espectáculo de música e danza, un concerto didáctico para escolares e catro conferencias-concerto. Todas as actividades son de balde ata completar o aforo.

Programación musical

As conferencias-concertos comezan este martes 5 de abril ás 20:00 hora na Casa do Saber cunha conferencia sobre Novas e vellas fronteiras e o concerto Atlantic Connection. Posteriormente, o martes 12 de abril, ás 20:00 horas tamén na Casa do Saber, terá lugar a conferencia Morning in America: o nacemento da música clásica norteamericana e o concerto American music unfolding.

O martes 19 de abril ás 20:00 horas, no Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes, celebrarase a conferencia A escola de Nova York: contesto de emancipación e o concerto Happenings. A última conferencia-concerto realizarase neste mesmo conservatorio o martes 26 de abril ás 20:00 horas, baixo o título Minimalismo: Esa transparencia impenetrable e o concerto Minimal gates.

O concerto didáctico para escolares The mathematics of the resonant bodies será o venres 15 de abril, ás 11:00 e ás 12:30 horas no MIHL, e está dirixido a nenos e nenas dos centros de educación primaria e secundaria. O Concello tan tamén organizado o espectáculo de música e danza contemporánea The mathematics of the resonant bodies, que terá lugar o venres 15 de abril ás 20:30 horas no MIHL co grupo de danza contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

Este ciclo de música contemporánea finalizará o venres 22 de abril ás 20:30 horas no Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes co concerto Perspectiva américa, no que participará o alumnado deste conservatorio.

Audio

  • Carmen Basadre, durante a presentación MIHL Sons XXI | Descargar mp3

Máis info

 

Multimedia

  • imagen

Noticias relacionadas