LuceLugo esta a intervir en varios puntos da cidade, seguindo un orde de prioridade de urxencia, para retirar restos acumulados pola riada.
O alcalde destacou que “o Goberno local actuou con rapidez e eficacia para recuperar a normalidade e protexer a veciñanza”.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, desprazouse esta mañá ata o barrio de Albeiros para supervisar os traballos de limpeza que está a levar a cabo o servizo municipal LuceLugo no cauce do río Rato, afectados pola intensa treboada rexistrada o pasado venres.
As tarefas concentráronse nun tramo de 50 metros especialmente afectado pola acumulación de restos arrastrados pola riada nos momentos de máxima presión dos tanques de tormenta, pero tamén se actuou noutras zonas da cidade onde se rexistraron incidencias doutra índole.
Miguel Fernández subliñou que “o Goberno local actuou con rapidez e eficacia para recuperar a normalidade e protexer a veciñanza”, e destacou a importancia do sistema de tanques de tormenta, “que converte a Lugo nunha cidade pioneira e evitou danos aínda maiores”.
O alcalde lembrou que a cidade sufriu un episodio meteorolóxico extremo, con máis de 77 litros por metro cadrado nunha hora —a mesma cantidade que choveu durante todo o mes de marzo—, e que fenómenos coma este evidencian os efectos do cambio climático. Nese sentido, puxo en valor a estratexia do Executivo municipal para preparar Lugo fronte a novos riscos, co impulso de proxectos innovadores como a concorrencia aos fondos do PERTE do ciclo da auga.
O Goberno local, a través do servizo municipal LuceLugo, organizou dúas brigadas habilitadas con maquinaria pesada e ferramenta específica para operar no cauce do río para levar a cabo estes labores, que se prolongarán ao longo dos próximos días, cando se estima que cara final da semana poidan quedar arranxadas a meirande parte das zonas afectadas.



