O alcalde recibiu no Concello aos representantes das antigas capitais, antes de celebrar a Ofrenda ao Santísimo Sacramento, unha tradición de case 360 anos que xa é BIC.
O rexedor destacou que “ao significado que ten este solemne acto, este ano se suma un recoñecemento que transcende o eido relixioso e que exalta a irmandade entre os pobos".
A alcaldesa de Betanzos, encargada de facer a tradicional Ofrenda, pediu por protexer e construír a paz e elevou unha súplica especial polas mulleres que sofren violencia.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, vinculou esta mañá “a unión das sete cidades do Antigo Reino de Galicia con todo o que se pode lograr traballando xuntos por obxectivos comúns”. O rexedor municipal se referiu “á exaltación da irmandade entre os pobos de Galicia como un dos significados da Ofrenda ao Santísimo Sacramento que hoxe acolleu a Catedral de Lugo”. Fixo estas declaracións pouco antes do acto relixioso, na recepción que se fixo na Casa Consistorial á alcaldesa de Betanzos, María Barral, oferente deste ano, e ao resto de representantes do resto de cidades do Antigo Reino de Galicia: A Coruña, Mondoñedo, Ourense, Santiago de Compostela e Tui, xunto a Betanzos e Lugo.
No transcurso desta recepción o alcalde tamén destacou o significado solemne deste acto, que neste ano é aínda maior co recoñecemento de BIC a unha tradición de case 360 anos, que transcende o eido relixioso, sendo parte importante do noso patrimonio cultural e histórico. Sobre a distinción de BIC, Ben de Interese Cultural, concedida hai apenas uns días, Miguel Fernández sinalou que “conseguímolo entre todos e todas; é un recoñecemento no que a alcaldesa Paula Alvarellos traballou en colaboración co Bispado, e para a que hoxe quero ter un recordo especial”.
Ademais, o rexedor sinalou que “grazas a ese traballo en común, hoxe podemos dicir con orgullo que esta tradición, instaurada na cidade desde 1669 e que forma parte do nosa riqueza inmaterial, vai máis aló do estrictamente relixioso para se converter nun referente cultural e turístico a nivel peninsular pola súa importancia patrimonial e histórica”.
Antes de convidar á rexedora de Betanzos a asinar no Libro de Ouro do Concello, o alcalde falou dos moitos aspectos que “vinculan ás cidades de Lugo e Betanzos: tradicións de máis de dous séculos, como as festas de San Froilán ou as de San Roque, coa solta e o voo do globo; os seus centros históricos; as celebracións de Semana Santa, declaradas en ambas vilas de Interese Turístico Galego; a importancia dos camiños Primitivo en Lugo e Inglés en Betanzos, dentro da súa tradición xabobea e o afán por conservar e poñer en valor non só o patrimonio histórico e cultural, senón o natural e fluvial, como sinais de identidade das nosas cidades”.
Ofrenda da alcaldesa de Betanzos
Na súa Ofrenda ao Santísimo Sacramento, a rexedora de Betanzos, María Barral Varela, destacou a honra de “dar voz a unha Galicia inclusiva, diversa, plural e aberta a todos os idearios” e fixo fincapé en que esta ofrenda “representa a xenerosidade e solidariedade do pobo galego, a unión fronte a adversidade das sete cidades do Antigo Reino de Galicia”.
Barral Varela comezou pedindo polos traballadores e traballadoras de Galicia que “buscan un futuro mellor, polos mozos e mozas que fan o seu camiño e polas persoas e familias máis golpeadas polo pobreza”. Tamén tivo unha referencia aos conflictos bélicos e guerras que “seguen a arrasar países pedindo ao Santísimo Sacramento que interceda pola paz no mundo, pola reconciliación entre as nacións e por ensinar aos gobernantes que a verdadeira grandeza está en servir, protexer e construír a paz”.
A alcaldesa de Betanzos non esqueceu a necesidade do “coidado da terra e dos nosos recursos naturais”, ampliando a súa petición a “todo un planeta que é necesario coidar e protexer”.
Sen dúbida, unha das peticións máis emotivas foi a que fixo en favor das mulleres que viven baixo o terror da violencia, para as que pediu xustiza, protección e esperanza. Neste sentido, dixo, “pido hoxe aquí visión e valentía para dar pasos cara esa igualdade real que poña fin ás violencias contra as nosas nais, irmás, fillas, netas e amigas”.
Tamén lembrou con especial agarimo a Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo, de quen dixo que “adicou a súa vida ao servizo desta cidade, traballando con entrega e compromiso pola súa xente. Que a súa memoria sexa un faro que nos guíe, que o seu exemplo nos inspire a seguir traballando polo benestar dos nosos pobos, pola xustiza, pola paz, pola dignidade de cada persoa e polo diálogo, pola colaboración, en prol do interese xeral que sempre debe prevalecer por riba de calquera outra cuestión”.
Neste sentido e no remate da ofrenda avogou por “afastar a crispación e a confrontación, co fin de resolver problemas e ir da man para chegar a acordos”.
Trala concorrida recepción no Concello, as corporacións de Lugo e Betanzos, acompañadas do resto de autoridades saíron cara á Catedral para asistir á misa solemne e á posterior ofrenda ao Santísimo Sacramento, cumprindo un ano máis coa tradición.





