Miguel Fernández solicitará ao Patronato da Fundación Feiras e Exposicións a inclusión do Pazo de Feiras como sede da candidatura de Lugo á AESAP

En paralelo, o Concello demanda formalmente o apoio do Consello da Xunta, un elemento que o procedemento estatal valora de maneira expresa para reforzar as candidaturas.

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, cunha superficie de 27.000 m² e un salón de actos para 500 persoas, permite unha posta en funcionamento inmediata da Axencia.

“Lugo ten capacidade, consenso institucional e unha infraestrutura idónea para acoller un proxecto estratéxico para a cidade, a provincia e Galicia”, salientou o alcalde.

Mércores, 07 de xaneiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández solicitará ao Patronato da Fundación Feiras e Exposicións a inclusión do Pazo de Feiras como sede da candidatura de Lugo á AESAP

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, solicitará ao Patronato da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo a inclusión do Pazo de Feiras e Congresos como sede proposta dentro da candidatura da cidade para acoller a Axencia Estatal de Saúde Pública (AESAP), candidatura que será presentada polo Concello de Lugo en tempo e forma, conforme ao procedemento establecido polo Goberno do Estado. En paralelo, o Goberno local demanda formalmente o apoio do Consello da Xunta, tal e como recollen as bases oficiais para a designación da sede.

Con esta iniciativa, o Concello de Lugo reafirma o seu liderado no proceso e a vontade de construír unha candidatura solvente, rigorosa e aliñada cos criterios técnicos esixidos. “Estamos ante un proceso moi competitivo no que Lugo debe presentar a súa mellor versión, sumando esforzos, xerando consensos e construíndo unha candidatura sólida e compartida por todas as institucións”, sinalou Miguel Fernández, subliñando que o obxectivo é presentar unha proposta ben armada, con base técnica e co máximo respaldo institucional e social.

O alcalde puxo especialmente en valor que o Patronato da Fundación Feiras e Exposicións está integrado por representantes de todas as institucións e axentes clave do territorio —Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Lugo, Concello de Lugo e Confederación de Empresarios—, o que converte este órgano nun espazo privilexiado de cooperación institucional. Fernández destacou que esta composición plural “reforza o consenso e a unanimidade arredor dunha candidatura que debe ser de cidade, de provincia e de país galego”.

No que respecta ao inmoble proposto, o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo reúne condicións especialmente axeitadas para albergar a sede da Axencia, tanto pola súa dimensión e versatilidade como pola dispoñibilidade inmediata dos espazos. O recinto conta cunha superficie total de 27.000 metros cadrados, dous pavillóns diáfanos, áreas de traballo e reunión, centro de negocios, oficinas, salas polivalentes e servizos complementarios, ademais dun salón de actos con capacidade para máis de 500 persoas, espazos para formación e comunicación, accesos cómodos, amplo aparcadoiro e unha localización estratéxica á beira do río Miño.

Xunto coa definición do espazo, o Concello solicitará o apoio formal do Consello da Xunta de Galicia á candidatura de Lugo, un respaldo que o propio procedemento estatal identifica como un factor que se valorará positivamente no proceso de selección da sede. O Goberno local considera que este paso permitiría fortalecer decisivamente a posición de Lugo nun procedemento competitivo no que resultan determinantes a cooperación institucional e a capacidade de posta en marcha inmediata.

Miguel Fernández subliñou tamén o impacto transformador que tería para Lugo a localización da Axencia Estatal de Saúde Pública, un organismo que poderá chegar a contar con arredor de 300 postos de traballo cualificado, ademais de xerar actividade económica inducida, atraer talento e consolidar a cidade como un referente en saúde pública, investigación e innovación en Galicia. “Falamos dunha oportunidade histórica para xerar emprego estable, atraer talento e reforzar o papel de Lugo como cidade de servizos avanzados”, indicou.

O alcalde concluíu reiterando a vontade do Concello de liderar este proceso con responsabilidade, diálogo e ambición colectiva, convencido de que “cando Lugo vai da man das súas institucións, do tecido económico e da sociedade, compite con forza e con argumentos sólidos para acoller proxectos estratéxicos”.

Multimedia

  • Miguel Fernández solicitará ao Patronato da Fundación Feiras e Exposicións a inclusión do Pazo de Feiras como sede da candidatura de Lugo á AESAP

Noticias relacionadas