Miguel Fernández: “Europa é moito máis que investimentos e proxectos: é un garante de paz, de democracia e de dereitos”

O Concello celebrou este venres na Praza Maior o Día de Europa cunha programación de actividades aberta á cidadanía, organizada polo centro municipal Europe Direct Lugo.

Este 9 de maio conmemorouse o 75 aniversario da Declaración Schuman, que sentou as bases da actual Unión Europea, e os 40 anos da firma do tratado de adhesión de España.

O rexedor apelou á mocidade a implicarse na construción dunha Europa “máis xusta, máis verde e máis democrática” durante a lectura do manifesto institucional.

Durante a fin de semana continúa aberto en Facebook e Instagram o certame de fotografía #EuropaDendeLugo. Os gañadores recibirán un lote de agasallos conmemorativos.

Venres, 09 de maio de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández: “Europa é moito máis que investimentos e proxectos: é un garante de paz, de democracia e de dereitos”Miguel Fernández: “Europa é moito máis que investimentos e proxectos: é un garante de paz, de democracia e de dereitos”

O Concello de Lugo celebrou este venres o Día de Europa cunha programación aberta á cidadanía, organizada polo centro municipal Europe Direct Lugo na Praza Maior, que congregou a numerosas persoas para participar nunha tarde chea de actividades lúdicas, música, xogos, moda sostible e reflexión cidadá.

O acto institucional, celebrado ás 17:45h, e no que participaron membros da corporación municipal, estivo presidido polo alcalde, Miguel Fernández, quen procedeu á lectura dun manifesto, previo ao izado da bandeira da Unión Europea. O rexedor destacou a relevancia da data: “Hoxe conmemoramos o 75 aniversario da Declaración Schuman, que sentou as bases da actual Unión Europea, e os 40 anos da firma do tratado de adhesión de España á UE, catro décadas nas que o noso país, e tamén a nosa cidade, se transformaron profundamente grazas á integración europea”.

Neste sentido, puxo en valor proxectos impulsados en Lugo con financiamento europeo como o LIFE Lugo + Biodinámico, a Estratexia DUSI Muramiñae, o Plan Urban ou o proxecto Zero: Corazón verde entre Murallas que “melloran a nosa calidade de vida e demostran que Europa está presente no día a día da veciñanza lucense”.

Fernández quixo tamén lembrar que “Europa é moito máis que investimentos e proxectos: é un garante de paz, de democracia e de dereitos”. E nun contexto internacional marcado pola inestabilidade, afirmou que “a UE eríxese como un faro de estabilidade, diálogo e defensa dos dereitos humanos”.

Durante o seu discurso, o alcalde realizou un chamado á acción cidadá e á responsabilidade compartida: “Desde o local tamén se constrúe Europa. Os concellos somos unha peza esencial no entramado europeo, porque é desde a proximidade como se materializan os grandes principios da UE en políticas reais que melloran a vida das persoas”.

Especial atención dedicou á mocidade, á que dirixiu unha mensaxe clara: “O futuro de Europa está nas vosas mans. Participade, opinade, decidide. Europa precisa do voso entusiasmo, das vosas ideas e da vosa enerxía”, subliñou Fernández, quen finalizou a súa intervención desexando un “feliz Día de Europa” a todos e todas as lucenses.

Ampla programación con motivo da efeméride

A xornada comezou ás 16:45h cunha mesa informativa, un obradoiro infantil de tatuaxes temporais e unha sesión DJ a cargo de Alex Mei. Durante a tarde, púxose en marcha o concurso de fotografía dixital #EuropaDendeLugo, que continúa aberto en Facebook e Instagram ata o domingo 11 de maio ás 23:59h. As persoas participantes deben publicar nas súas redes sociais unha fotografía creativa do evento, etiquetar ao @Concello de Lugo e @Europe Direct Lugo, seguir ambas contas e empregar o hashtag oficial. As tres imaxes con máis “likes” recibirán un lote de agasallos conmemorativos.

O programa tamén incluíu o reto Desafío Europa, un xogo para fomentar o coñecemento sobre a UE, e un desfile de moda sostible e circular con propostas de deseñadores e deseñadoras lucenses, que puxeron en valor a creatividade e o talento local.

O único centro oficial de información europea en Galicia

Europe Direct Lugo, con sede no CEI-Nodus, é o único centro oficial da rede Europe Direct en Galicia designado pola Comisión Europea. Desde o ano 2009, funciona como un espazo de proximidade que permite á cidadanía obter información, asesoramento e apoio sobre as políticas, programas e oportunidades de financiamento da Unión Europea. Forma parte activa da estratexia do Concello para fortalecer o vínculo entre a veciñanza e as institucións europeas.

Multimedia

  • Miguel Fernández: “Europa é moito máis que investimentos e proxectos: é un garante de paz, de democracia e de dereitos”Miguel Fernández: “Europa é moito máis que investimentos e proxectos: é un garante de paz, de democracia e de dereitos”

Noticias relacionadas