Miguel Fernández e Carmen Basadre, voceiro e vicevoceira do Grupo Municipal Socialista

Ana González Abelleira e José Manuel Díaz Grandío exercerán de voceira e vicevoceiro suplentes 

Mércores, 17 de xuño de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa durante a súa visita á sede da Policía Local e Protección Civil

A Alcaldesa destacou o “recoñecido prestixio” dos concelleiros, “grandes defensores da nosa cidade, que farán un moi bo papel polos seus perfís profesionais e políticos”

Lara Méndez convocou mañá, ás 14.00 horas, unha Xunta de Goberno para continuar co normal funcionamento da administración local

Miguel Fernández Méndez exercerá as funcións de voceiro do Grupo Municipal Socialista, e Carmen Basadre será a vicevoceira, segundo anunciou este mércores a Alcaldesa, Lara Méndez. A rexedora avanzou tamén que Ana González Abelleira e José Manuel Díaz Grandío foron nomeados voceira e vicevoceiro suplentes, respectivamente.

Lara Méndez, quen informou de que hoxe foi rexistrada a solicitude para formar Grupo Municipal, destacou o “recoñecido prestixio” destes concelleiros, “grandes defensores da nosa cidade, que farán un moi bo papel polos seus perfís profesionais e políticos, xa que teñen unha ampla experiencia, tanto no eido político, como laboral”.

A Alcaldesa lucense avanzou así mesmo que convocou para mañá, ás 14.00 horas, a primeira Xunta de Goberno que se celebrará nesta nova etapa da Corporación co fin de continuar co normal funcionamento da administración local, en tanto non se constitúe o novo Goberno. Este órgano, con carácter provisional, estará presidido pola Alcaldesa e del formarán parte os concelleiros Ana Prieto, Miguel Fernández e Carmen Basadre.

Encontros cos grupos municipais 

Por outra banda, a rexedora ten previsto manter esta tarde encontros cos representantes de Lugonovo, Ciudadanos e ACE co obxectivo de abordar a imprescindible redistribución das instalacións da casa consistorial para que os seis grupos municipais que forman parte da Corporación dispoñan de locais nos que desenvolver o seu traballo.

A rexedora fixo estas declaracións antes de continuar o seu percorrido polas dependencias municipais para coñecer persoalmente a todos os empregados públicos do Concello de Lugo. Estivo no Centro de Servizos Municipais e logo desprazouse á sede da Policía Local e de Protección Civil, onde mantivo un encontro cos traballadores para saber de primeira man a súa situación e necesidades.

Perfís biográficos dos voceiros

Voceiro, Miguel Fernández Méndez

Nacido en Ribeira de Piquín formouse como ATS na Universidade de Santiago de Compostela, diplomouse en Enfermería pola UNED, ten estudos de Antropoloxía e un Máster pola Universidade Complutense de Madrid. Traballa no Centro de Saúde de Pobra de San Xiao (Láncara), presidiu o Colexio Oficial de Enfermería de Lugo e foi membro da Xunta de persoal da Área Centro de Lugo (SERGAS). Amais é voceiro do Grupo Ecoloxista CEDENAT, Presidente da ANPA do Sagrado Corazón e membro da Academia Galega de Enfermería.

Voceira suplente, Ana María González Abelleira

Nacida en Xustás (Cospeito) en 1975. Diplomada en Traballo Social pola Universidade de Santiago é Técnica Especialista en Diagnóstico Clínico e Técnica Auxiliar en Enfermería, amais ten un Máster en Dirección e Xestión de Servizos Sociais e un Posgrao en Relacións Laborais. Dende o 2003 é persoal laboral fixo da Xunta de Galicia con destino na Residencia de Persoas Maiores As Gándaras-Lugo.

Vicevoceira, Carmen Basadre

Lousadela, Guntín de Pallares (1957). Estudou Bacharelato e COU no Instituto Virxe dos Ollos Grandes. É Funcionaria do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, foi Delegada Sindical de FSP-UGT desde as primeiras eleccións sindicais na Administración e foi Secretaria de Organización da UXT de Lugo. Creou e puxo en marcha o Departamento da Muller na Unión Comarcal de Lugo – UXT co que colabora nivel Galicia.

Vicevoceiro suplente, José Manuel Díaz Grandío

Naceu en Lugo no ano 1958 e vive no Barrio da Milagrosa. Estudou Bacharelato no Instituto Xoán Montes e é empregado público do Instituto Nacional da Seguridade Social.

Noticias relacionadas