Ana Prieto, Manuel Núñez e Ana Abelleira escoitaron as propostas que realizaron alumnos e alumnas de sexto de primaria dos colexios Cervantes, Menéndez Pelayo e Galén
Os rapaces e rapazas propuxeron ter máis espazos peonís e cubertos na cidade, así como que o Concello siga apostando polo comercio xusto e polos proxectos de cooperación internacional

Os concelleiros de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, e de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, escoitaron este martes, no Salón de Plenos, as propostas que realizaron medio cento de nenos e nenas nun encontro de participación infantil, organizado por UNICEF en colaboración co Concello, para conmemorar o Día Internacional da Infancia. Este foro, no que participaron alumnos e alumnas de sexto de primaria de tres colexios da cidade, pretende recoller iniciativas a prol da infancia. Ao acto tamén asistiu a presidenta de UNICEF en Lugo, Mar Maseda.
Ana Prieto destacou que “todos os nenos e nenas fixeron propostas moi interesantes e construtivas, das que os maiores temos moito que aprender”. Ademais, a edil lembrou que “noutros encontros infantís recolléronse iniciativas que hoxe xas están executadas por parte do Concello, como por exemplo os parques infantís cubertos”.
“Son rapaces e rapazas solidarios, que nos fan peticións e suxestións para mellorar a nosa cidade, moitas das cales xa forman parte da folla de ruta do Goberno, polo que sinto moito orgullo porque estes nenos e nenas lucenses teñan estas ideas, que mostran que en Lugo hai futuro”, afirmou Prieto.
Pola súa parte, Mar Maseda agradeceu “a aposta do Concello polos dereitos da infancia e a colaboración que sempre lle prestou a UNICEF”, e tamén quixo destacar a participación dos centros educativos neste programa.
Neste encontro participaron alumnos e alumnas de sexto de primaria dos colexios Cervantes, Menéndez Pelayo e Galén que presentaron diferentes propostas e preguntas aos edís. Neste senso, os nenos e nenas propuxeron ter máis espazos peonís e cubertos na cidade ou que o Concello continúe apostando polo comercio xusto e polos proxectos de cooperación internacional.
Audio
- Ana Prieto sobre o Encontro de Participación Infantil | Descargar mp3