A escritora organiza un roteiro gratuíto polos espazos da novela
O roteiro partirá da Gasolineira de San Rafael, e terá unha duración aproximada de dúas horas

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que o vindeiro venres, 7 de febreiro, a lucense María Reimóndez presentará a súa última novela, As Estacións do Lobo, no patio do vello cárcere. “A presentación da novela comezará o venres ás 20 horas”, indicou Maite Ferreiro, que engadiu “o sábado 8, a autora organiza un roteiro pola cidade de Lugo”.
As estacións do Lobo
A novela As estacións do lobo (Xerais 2019) de María Reimóndez ten como protagonista a Clara, unha adestradora canina, mais tamén a cidade de Lugo. Por iso propomos un percorrido físico polos espazos e temáticas da novela en compaña da súa autora. O roteiro incluirá lecturas, intervencións e sorpresas para achegarse doutro xeito ao texto desta obra que forma parte, xunto con En vías de extinción, A música dos seres vivos, Dende o conflito e As cousas que non queremos oír, do Ciclo dos elementos, unha serie de novelas independentes mais interconectadas.
Roteiro
O sábado 8 de febreiro, María Reimóndez organiza un roteiro pola cidade de Lugo. Comezará ás 11.00 horas, cunha duración aproximada de 2 horas na gasolineira de San Rafael, na Avenida da Coruña 310, e rematará na estación de autobuses. “Iremos camiñando sen présa e parando en diferentes lugares, algúns deles con espazo para descansar”, indicou María Reimóndez, que engadiu “procuraremos que o paseo sexa relaxado, tamén para os cans participantes”.
As persoas que desexen inscribirse deberán anotarse no seguinte formulario: https://forms.gle/32x9AJvKo6Lw2Ssm7
As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición, que pechará o día 7 de febreiro ás 20 horas.