O festival regresa en setembro ao entorno do Pazo de Feiras e Congresos, con todas as medidas de seguridade e prevención, seguindo a normativa vixente.
Lara Méndez: “Durante tres días, Lugo será o epicentro da música e a cultura en España, cunha programación de artistas de talla nacional e internacional”.
Os tickets estarán dispoñibles a través da páxina web do evento www.caudalfest.es Serán nominativos e poderanse adquirir ata un máximo de 8 por compra.

Mañá, mércores, ás 12:00 do mediodía, sairán á venda as entradas para o Caudal Fest 2021, que regresa en setembro ao entorno do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, con todas as medidas de seguridade e prevención, seguindo a normativa vixente con motivo da Covid-19. Deste xeito, contará cun formato terraza, é dicir, os asistentes gozarán do espectáculo sentados e con mesas, e o aforo estará limitado a 2.500 persoas por día.
A alcaldesa, Lara Méndez, explicou que “esta nova edición do festival terá lugar o 16, 17 e 18 de setembro e contará cunha ampla programación de calidade, con tres días completos de concertos de artistas nacionais e internacionais, o que converterá a Lugo no epicentro da música e a cultura en Galicia e España”.
“A través do apoio a esta cita, dende o executivo municipal buscamos revitalizar os sectores cultural e hostaleiro da cidade, algúns dos máis afectados pola pandemia, facéndoo de xeito seguro, pois establecerase un conxunto de medidas para evitar aglomeracións, garantindo o distanciamento social, e a desinfección continua das zonas tanto de público como de traballadores”, engadiu a rexedora.
Deste xeito, o recinto estará dividido en varios sectores para garantir a seguridade dos asistentes, tendo cada zona os seus propios accesos, baños, barras, foodtrucks, etc. e sendo independentes entre si. A circulación estará organizada e sinalizada con carrís separados de acceso e saída, control da distancia de seguridade, e instalaranse puntos de desinfección de mans con dispensadores de xel hidroalcohólico.
O uso da máscara será obrigatorio en todo momento, salvo para o consumo de comida ou bebida, haberá asistentes para a organización do público e a acomodación realizarase de forma graduada para facilitar accesos e desaloxos. Debido ás restricións derivadas da Covid, nesta edición non haberá zona de descanso ou acampada.
O Concello de Lugo segue, así mesmo, a dinámica doutros concellos galegos e da administración autonómica de retomar a organización de concertos e actuacións musicais seguras, co obxectivo de impulsar o sector cultural e do ocio.
Venda de entradas
As entradas estarán dispoñibles a través da páxina web do evento www.caudalfest.es. Os prezos dos tickets serán os seguintes:
- Xoves 16: dende 29 euros + gastos de xestión
- Venres 17: dende 22 euros + gastos de xestión
- Sábado 18: dende 29 euros + gastos de xestión
Poñeranse á venda entradas para cada día de forma individual, non existen abonos para varias noites. Poderanse adquirir ata un máximo de 8 entradas nunha mesma compra e será necesario introducir todos os datos (nome, apelidos, DNI, teléfono). Os menores de 16 anos, necesitarán acceder cun proxenitor/titor legal, mentres que con 16 e 17 anos necesitarán un impreso de autorización.
As portas abriranse ás 18:00 horas o xoves e ás 17:00 horas o venres e sábado. Haberá concertos ata as 00:00 horas, suxeito aos posibles cambios que se debesen a futuras restricións. Para poder acomodarse grupos de conviventes xuntos, haberá que chegar ao mesmo tempo para ser asignados in situ.
Cartel con artistas nacionais e internacionais
Durante os días 16, 17 e 18 de setembro, o Caudal Fest ofrecerá a posibilidade de gozar dun cartel que conta con Love of Lesbian, unha das bandas máis importantes que andan a xirar este ano, presentando o seu último traballo “V.E.H.N. (Viaje épico hacia la nada)”; a incrible Nathy Peluso, unha das artistas do momento; La M.O.D.A., que tralo seu último paso polo festival, namoráronse de Lugo e non dubidaron en voltar; Bad Gyal, a raíña do dancehall, que por fin estará no Caudal; Iván Ferreiro, co seu concerto especial de longa duración da xira Cuentos y Canciones (2004-2021); Sen Senra, o artista galego con máis proxección do momento, cun dos poucos concertos deste verán; os vascos Shinova; o gran Kutxi Romero de Marea; os festeiros Ladilla Rusa e o local David Prado representando a música lucense.