“Este ano aumentamos a programación ata as 12 obras teatrais de primeira calidade, éxito de crítica e de público en diversos festivais de todo o Estado”, explicou Maite Ferreiro
A XXII edición da Mostra de Teatro Clásico terá lugar entre o 11 e o 27 de marzo no Auditorio Municipal Gustavo Freire

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a XXII edición da Mostra de Teatro Clásico, que este ano aumenta a súa programación ata chegar ás 12obras que encherán o Auditorio Municipal Gustavo Freire de cultura de calidade durante o mes de marzo. “Quixemos facer unha programación extensa, de calidade e para todos os públicos”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “continuamos a concentrar a mostra no mes de marzo, facilitando a afluencia do público e a difusión da programación de Teatro Clásico”.
A Mostra de Teatro Clásico do 2022 contará tamén cunha importante aposta polas compañías galegas que no 2020 comezaron a producir obras clásicas, Maite Ferreiro destacou que “este ano chegan obras que contan co apoio do Centro Dramático Galego, como é Arte sen guión, unha das novidades deste ano ao tratarse dun espectáculo de improvisación”. A área de Cultura achega este ano o teatro á rúa e a outros lugares, como o Vello Cárcere, aínda que a programación continuará maioritariamente no Auditorio Municipal Gustavo Freire.
En definitiva, Alfred Jarry, Shakespeare, Perrault, Quevedo ou Lope de Vega estarán representados nesta nova edición baixo moi diferentes prismas; Dende un “Lázaro” cantado en base de rap, pasando polo teatro fisico e clown de “El Busclown”, as adaptacións transgresoras e modernas e diversas de Shakespeare en “Othello” e “Macbeth” ou a improvisación de “Arte sen guión”. “Unha mostra actual, unha programación diversa e para todos os públicos”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “este ano contaremos cunha Mostra de Teatro Clásico que incluirá diferentes xeitos de afrontar os clásicos e traelos á modernidade”
Programación XXI Mostra de Teatro Clásico
Venres 11 de marzo:
- “El Busclown” de La Escalera de Tijera.
- Gustavo Freire. 20,30h.
Sábado 12 de marzo:
- “La escuela de los vicios” de Morfeo Teatro.
- Gustavo Freire. 20,30h.
Martes 15 de marzo:
- “El perro mutante del hortelano” de Emma Lobo.
- Vello Cárcere. Dous pases; 18.30 e 20.30h. Gratuíto.
Xoves 17 de marzo:
- “Lázaro” de Leamok.
- Gustavo Freire. 20,30h.
Venres 18 de marzo:
- “Noche de Reyes” de Ur Teatro.
- Gustavo Freire. 20,30h.
Sábado 19 de marzo:
- “Macbeth” de Gabriela Cortés.
- Gustavo Freire. 20.30h.
Domingo 20 de marzo:
- “Fuenteovejuna” de Sol y Tierra.
- Gustavo Freire. 18.30h. Público familiar.
Xoves 24 de marzo:
- “Arte sen guión” de Galeatro e CDG (Espectáculo de improvisación).
- Gustavo Freire. 20.30h.
Venres 25 de marzo:
- “Othello” de Voadora.
- Gustavo Freire. 20,30h.
Sábado 26 de marzo:
- “Quen ocupa esa cadeira. Clásicos” de Palimoquiños.
- Praza Maior (En caso de choiva no Vello Cárcere). 12h.
- “Ubú Le Roi” de Los Sueños de Fausto.
- Gustavo Freire. 20,30h.
Domingo 27 de marzo:
- “Pulgarcito” de Teatro Paraíso.
- Gustavo Freire. 18.30h. Público familiar
Entradas e bonos
A área de Cultura pon á disposición da veciñanza un bono para 8 representacións cun prezo de 35€.
As entradas teñen un prezo de 8€ na zona A e 6€ na zona B, e contarán con descontos para persoas en paro, menores de 30 anos, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG, quedando as entrdas en 5€ para a zona A e 3.75€ para a zona B.
As representación para público familiar, Fuenteovejuna e Pulgarcito, non estarán incluídas nos bonos, e terán un prezo único de 5€ por entrada.
El perro mutante del hortelano non precisará de entrada, e accederase por orde de chegada ao Vello Cárcere. O mesmo acontecerá con Quen ocupa esta cadeira, orixinalmente prevista para a praza Maior, e que no caso de choiva será trasladada ao Vello Cárcere.
Audio
- A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre a Mostra de Teatro Clásico| Descargar mp3