Maite Ferreiro inaugura a exposición "SOMOS POBO FEITO EN NÓS", de Andrea Prado Rielo, que se une á oferta expositiva do Vello Cárcere

A edil destacou qeu a mostra "as cores do respecto", de Pablo del Valle, pode visitarse tamén no centro cultural.

Maite Ferreiro: "O Vello Cárcere conta en setembro con dúas novas exposicións que convidan á reflexión sobre identidade, loita cultural e diversidade, ofrecendo ao público propostas que combinan arte, memoria e resistencia".

Sábado, 13 de setembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro inaugura a exposición "SOMOS POBO FEITO EN NÓS", de Andrea Prado Rielo, que se une á oferta expositiva do Vello Cárcere

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, inaugurou hoxe no Vello Cárcere a exposición "Somos pobo feito en Nós", da artista lucense Andrea Prado Rielo. A mostra, que estará nas celas de homes da pranta baixa entre o 13 de setembro e o 13 de outubro, presenta un proxecto nacido das grellas dos escenarios, entre luces, suor e compromiso, onde se pon en valor a xente que fai cultura e a súa capacidade de manter viva a nosa identidade colectiva. 

“SOMOS POBO FEITO EN NÓS” reivindica a filosofía do "faino ti mesma", entendendo o erro, a mancha e o azar como sinais da pluralidade que nos conforma. Cada imaxe é un acto de resistencia, un recordatorio de que en Galiza a música e a arte funcionan como salvavidas culturais e como espazo común de emoción compartida. 

Con estética punk, directa e crúa, o proxecto eríxese como un canto identitario e como recoñecemento ao pobo galego e ás persoas artistas que, día a día, defenden unha identidade cultural que resiste e se mantén viva. A exposición reivindica a cultura como semente de futuro, chave imprescindible para vencermos á extinción. 

Ademais, Maite Ferreiro anunciou que ata o 30 de setembro se pode visitar a mostra “as cores do respecto” de Le Magic Mayimba de Pablo del Valle. Esta exposición está nas celas de mulleres da 2ª planta, e propón un percorrido artístico que ten como eixo a loita contra o racismo. A través da pintura, Le Magic Mayimba, obra de Pablo del Valle, procura visibilizar a diversidade e poñer en valor a arte como ferramenta de transformación social. 

As súas creacións traen ao primeiro plano persoas negras acompañadas de símbolos da cultura africana. O emprego de cores vivas, inspiradas nas vestimentas e pulseiras tradicionais, dota de forza expresiva ás peles e rostros retratados, converténdoos nun símbolo de dignidade, alegría e riqueza cultural. 

As gamas e degradados, inspirados nas cores panafricanas —verde, amarelo e vermello—, evocan natureza, riqueza e a loita pola liberdade. O que comezou como ilustración dixital chega agora convertido en acrílicos e murais, consolidándose como declaración de orgullo, diversidade e respecto. Esta exposición ofrece un espazo para pensar e sentir, lembrando que a diversidade representa a maior riqueza das sociedades. 

Ferreiro destacou a importancia do Vello Cárcere na loita contra a represión e convidou á veciñanza "a visitar o Vello Cárcere e estas dúas novas exposicións que se unen á ampla oferta de actividades dun dos centros máis relevantes na programación cultural de Lugo".

Multimedia

  • Maite Ferreiro inaugura a exposición "SOMOS POBO FEITO EN NÓS", de Andrea Prado Rielo, que se une á oferta expositiva do Vello Cárcere
  • Maite Ferreiro inaugura a exposición "SOMOS POBO FEITO EN NÓS", de Andrea Prado Rielo, que se une á oferta expositiva do Vello Cárcere

Noticias relacionadas