Máis de 60 actividades enchen a programación do Lugo Cultural, que conta co apoio do Concello

Ciclos de música clásica, novos intérpretes, pito pastoril, danza, teatro,  homenaxe a Narf ou sons creativos son só algunhas das actividades deste ano. Ademais, como novidade haberá un ciclo de intercambio entre a USC e os Institutos para achegar a cultura aos estudantes de toda a provincia

Lugo Cultural é o convenio de colaboración de Concello, Deputación de Lugo e Universidade de Santiago de Compostela co que se ofrecen actividades lúdico-culturais durante todo o ano

Xoves, 07 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Máis de 60 actividades enchen a programación do Lugo Cultural, que conta co apoio do Concello

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a Deputada de Cultura, Pilar García, e o Adxunto á Vicerreitoría do  Campus de Lugo, Jesús Varela, presentaron este venres no Vicerreitorado a nova programación de actividades gratuítas do Lugo Cultural, nas que se inclúen  ciclos de música clásica, novos interpretes, pito pastoril, danza, teatro,  homenaxe a Narf ou sons creativos. Ademais, como novidade este ano haberá un ciclo de intercambio entre a USC e os Institutos para achegar a cultura aos estudantes de toda a provincia.

Esta programación esta enmarcada no convenio de colaboración entre o Concello, a Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela, dotado de 60.000 euros, no que cada entidade achega 20.000 euros.

Na pasada edición participaron no Lugo Cultural máis de 6.500 persoas, en preto de 100  actividades, cifra que se aspira a aumentar con esta nova programación gratuíta para todos os públicos, coas que se difunde o traballo de artistas galegos en espazos de relevancia histórica e cultural como o Vello Cárcere, a Praza de Santa María, a Casa do Saber ou a Domus de Mitreo

Música

Músicas a carón da Mosqueira é o ciclo que impulsa a novos creadores e intérpretes dentro da música clásica, e conta cun total de 5 concertos. Terán lugar todos os luns de febreiro a marzo, na Casa do Saber ás 20:00 horas. A excepción do día 13 de maio que será no Circulo das Artes ás 20:30 horas. Ademais como actividade complementaria os visitantes desfrutarán da Noite na Domus de Mitreo coas actuacións de Solo Voces e  Germán Díaz, os días 5 de abril, 3 de maio e 15 de maio. Tamén haberá visita guiada co arqueólogo Celso Rodríguez acompañado desta música en directo.

Este ano, volve a reeditarse os concertos na Calzada para facer participes aos mozos lucenses que comezan a súa carreira, por iso, realizáranse eventos musicais nesta zona da cidade. Serán os días 25 de febreiro co Duo Liliak, o 25 de marzo Cunha viaxe musical no tempo, o 22 de abril con Andrea Vilar, 29 de abril co Grupo didáctico do Pito Pastoril, e por último o 27 de maio, Vibrando en catro cordas.

Lubicánun ciclo para potenciar a presentación de novos traballos da música galega que terá lugar no Circulo das Artes de Lugo os xoves de febreiro, marzo, abril e maio. Serán 10 concertos que comezarán o 28 de febreiro cunha cita homenaxe a Fran Pérez Narf no que participarán Uxia Senlle, Marcos Teira, Segio Tamus, Brais Morán, Sergio Zearreta e Xavier Bello na parte audiovisual. E no Lubicán Intimo, na Casa do Saber, con Patacon, Higw Pow, Gonzalo Guerreiro. Tamén haberá actividades complementarias cos Xoves de Moda, que se celebrarán o 14 de marzo, 23 de abril e 24 de maio. Participarán o grupo vigués Cinta adhesiva, ademais da presentación do grupo Berlai coa participación Lois Pérez, e por último Anatomía dunha serea.

Tamén formaran parte desta ampla programación musical os Sons Creativos. Celebraranse serán os dias 2, 3, 4 e 5 de maio da man de Xoán Xil e Inmaculada Cárdenas. En colaboración co Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes Lugo, xunto coa música experimental do Campus, artellouse este ciclo que representa a vangarda da música contemporánea, e que ademais se interrelaciona con outras artes máis innovadoras como a videocreación e a performance.

Artes escénicas

O teatro, outro referente do Lugo Cultural, celebrará o Festival de Teatro Universitario dende 26 de marzo ao 1 de abril. Hai que lembrar que Aula de Teatro da USC-Lugo foi berce de moitos dos que hoxe se adican de maneira profesional ao teatro e que ao longo da súa traxectoria obtivo diversos galardóns como o Premio do Xurado da Mostra Internacional de Ourense. Este Festival nace como foro de encontro entre as diferentes compañías de teatro de Galicia. O teatro universitario é o que experimenta e está na vangarda. Tamén dende hai anos un día dedícase a alumnos/as de teatro que están traballando en escolas de fóra de Lugo para que expoñan os seus microproxectos.

O encontro de danza universitaria, que terá lugar dende o 21 ao 22 de marzo, manterá con outras universidades no Vello Cárcere, con traballos de experimentación e creación. Ademais realizarase unha perspectiva dos últimos 20 anos de danza na USC. Este ano será baixo a dirección de Luis Zahera.

E tamén hai sitio para o cinema con Fin da Curta, que se celebrará dende o 26 ao 29 de abril. Como colofón deste certame o 10 de maio terá lugar a entrega de premios, e un concerto coa presentación do novo disco de Factoría de Subsistencia, con Josito Porto.

Novidades

Este ano a programación do Lugo Cultural conta cunhas dúas novidades o proxecto Eslabón e o Certame de Creación cun maratón fotográfico, que será no mes de abril. O Eslabón é unha proposta que xorde para potenciar o intercambio entre a USC e os institutos da provincia, e que pretende achegar a cultura e a universidade a todos os estudantes. Contará con concertos didácticos, encontros con artistas e proxeccións, entre outros. 

Noticias relacionadas