O centro de atención ao turista da Praza do Campo despide agosto atendendo a unha media de 356 persoas ao día, e a rede museística municipal, con 1.200 visitas máis que o pasado mes
Para Carmen Basadre é fundamental seguir traballando na liña de potenciar as singularidades de Lugo, cun amplo abano de actividades turísticas de calidade que potencien estas excepcionalidades
Preto de 18.000 persoas pasaron en agosto pola Oficina Municipal de Turismo e os museos municipais. Concretamente, o centro de atención aos turistas da Praza do Campo atendeu o pasado mes un 6% máis de visitantes que hai un ano e un 19% máis que hai dous, e os museos municipais preto de 6.700 persoas, unhas 1.200 máis que no mes de xullo. Así o avanzou este sábado a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen se amosou satisfeita cos datos obtidos neste agosto, nos que a Oficina Municipal atendeu a unha media de 356 persoas ao día. Non en van, para a edil é fundamental seguir traballando na liña de potenciar as singularidades de Lugo, cun amplo abano de actividades turísticas de calidade que potencien estas excepcionalidade, capaces de dinamizar a cidade tanto cultural como turisticamente, como as postas en marcha este verán baixo o nome De Verán nas Rúas.
Carmen Basadre apuntou ademais que estes “os excelentes datos que vimos encadeando mes tras mes poñen de manifesto que a política en materia de turismo que estamos levando dende o equipo de Goberno da os seus froitos”.
A cidade luguesa un verán máis continúa sendo un referente para os turistas nacionais, avanzou Basadre, ao tempo que sinalou que o 88% dos visitantes atendidos na Oficina Municipal de Turismo eran españois. Un mes máis, os madrileños continúan estando á cabeza (2.481), seguidos dos cataláns (1.378). Tamén destacan as visitas dos viaxeiros procedentes de León (1.063) e Andalucía (1.029). Dos visitantes estranxeiros, o 30% procedían de Francia e Italia, tal e como explicou a Concelleira, quen subliñou que tamén visitaron a cidade portugueses, arxentinos, estadounidendes e alemáns.
En canto á ocupación hoteleira, a edil explicou que no mes de agosto superou o 84%, incrementándose as pernoctacións en 6,5 puntos con respecto ao mesmo mes do pasado ano. Basadre asegurou que é preciso seguir impulsando e aproveitando as sinerxias entre o goberno local e o sector comercial e turístico para poder incrementar as pernoctacións na cidade. “De cara ao futuro, o reto do Concello é conseguir que se rompa a estacionalidade e se alongue a tempada de turismo, polo que seguiremos poñendo en marcha diferentes actuacións”, subliñou a edil.
En canto aos museos, a Casa dos Mosaicos continúa a ser a máis visitada, con 3.343 persoas, 1.285 máis que no pasado mes, seguida da Domus do Mitreo, con 2.062 visitas, e o Museo Interactivo da Historia de Lugo, con preto de 550. Á sala de Exposicións de Porta Miñá e ao Centro Expositivo de San Roque achegáronse unhas 502 e 238, respectivamente.