Lugo terá auditorio grazas á veciñanza ao exonerar o Concello o IBI ao Hula e a catro centros de titularidade pública autonómica

A Alcaldesa propoñerá ao Pleno dita exención, unha vez que o compromiso da Xunta de equipar ao auditorio sexa en firme. O período de aplicación será de 6 anos, ata obter os 3,6 millóns equivalentes a dito equipamento

Martes, 14 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo terá auditorio grazas á veciñanza ao exonerar o Concello o IBI ao Hula e a catro centros de titularidade pública autonómica

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este martes que o Goberno propoñerá ao Pleno a proposta para incluir na Ordenanza Fiscal número 203 (Reguladora do Imposto sobre os Bens Inmobles), unha exención a favor do HULA e catro centros de titularidade pública autonómica, que dependan ou ben do SERGAS, xa que outros centros ambulatorios non están ao seu nome, ou da propia Xunta: Residencia das Gándaras, Centro Curros Enríquez, Centro Rúa Fontelo e Centro Fontiñas; unha vez que o compromiso da Xunta de equipar ao auditorio sexa en firme.

 Tal e como explicou a rexedora, o período de aplicación desta exención será de 6 anos, é dicir, ata o ano 2023, "ou o que é o mesmo, ata obter os 3,6 millóns equivalentes a equipar o auditorio. Despois non imos deixar de percibir dito imposto, xa que será o que garantice achegar a mellor cultura á nosa cidade".

 Faino tras a reunión de traballo mantida o pasado 10 de febreiro co Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que Lara Méndez se comprometeu a estudar a súa proposta de eximir este imposto ao hospital e centros de saúde para equipar ao auditorio; e logo de ser un tema xa abordado pola mandataria local e o autonómico nunha xuntanza en agosto do 2015 e en dúas reunións coa Conselleira de Medio  Ambiente e Ordenación do Territorio, onde a propia Beatriz Mato se comprometera a solicitar financiamento noutras consellerías e no propio Ministerio.

 Tras non recibir resposta da Consellería e ver como a Xunta propoñía pagar o equipamento a tres bandas, o Goberno de Lugo, responsable, e consciente de que Lugo é a única gran cidade de Galicia que non conta con auditorio, estudou a proposta de exoneración do IBI, posto que a súa máxima pretención é pór a disposición da cidadanía esta infraestrutura que marque un antes e un despois na vida cultural, social e de lecer da cidade, e que reforce a posición de Lugo no panorama da cultura de Galicia. "O talento, a creatividade e a riqueza témola; o que queremos é contar cos recursos necesarios para poñelos en valor", asegurou Méndez.

 A obra do novo auditorio, "unha infraestrutura cultural de primeira orde que Lugo tanto e tanto necesita", tal e como o definiu Méndez, viña incluída nun convenio entre a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e o Concello, asinado o 4 de agosto de 2004, con 9 addendas posteriores que o modifican, e un protocolo asinado en febreiro de 2008.

 O Concello sempre tivo a certeza, por informes técnicos, que a Xunta tiña que pagar o contido deste auditorio. De feito, nos compromisos asumidos polas partes tanto nese convenio como no protocolo, encóntranse, por parte da Xunta,  tanto a construción como os elementos accesorios ou complementarios, onde se encadraría o mencionado equipamento escénico, segundo o Servizo Municipal de Arquitectura e de Contratación.  

 "Facémolo con esforzo e con vontade, porque Lugo, e non o Concello, senón os 98.134 veciños e veciñas non se poden permitir estar sin auditorio nin un ano máis. 13 anos xa son abondo. Imos a pagar entre todos, pero non entre todas as institucións, senón entre os veciños e veciñas, para poder contar por fin cunhas instalacións modernas, funcionais e adecuadas á realidade sociocultural da cidade", concluíu. 

Audios

Noticias relacionadas