O alcalde recibiu á delegación participante, como parte da axenda de traballo que inclúe reunións técnicas, encontros con actores locais e percorridos por enclaves emblemáticos.
"Lugo é un exemplo de como se pode combinar o desenvolvemento turístico coa preservación do medio e do benestar da veciñanza", sinalou Miguel Fernández.
No proxecto participan entidades de España, Portugal, Irlanda e Francia, e está organizado en colaboración co Concello de Lugo, a Deputación e o Concello de Monforte.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recibiu esta mañá na Casa Consistorial aos representantes do proxecto europeo POST (Policentric and Sustainable Tourism), unha iniciativa liderada polo Eixo Atlántico e financiada polo programa INTERREG VI B - Espazo Atlántico, que ten como obxectivo desenvolver un modelo innovador de turismo máis equilibrado, sostible e respectuoso co territorio.
No proxecto participan entidades de España, Portugal, Irlanda e Francia, e está organizado en colaboración co Concello de Lugo, a Deputación Provincial e o Concello de Monforte de Lemos.
Durante o encontro, o alcalde puxo en valor o papel de Lugo como referente dun turismo que aposta pola calidade fronte á cantidade, pola autenticidade, e polo respecto á identidade e ao patrimonio local. "Lugo é un exemplo de como se pode combinar o desenvolvemento turístico coa preservación do medio e do benestar da veciñanza", sinalou Miguel Fernández.
O rexedor desexou ás delegacións participantes unha estadía frutífera na cidade e na provincia, convidándoos a descubrir a riqueza patrimonial e natural do territorio lucense, desde a Muralla romana —declarada Patrimonio da Humanidade— ata enclaves como o Castro de Viladonga, Samos ou a Ribeira Sacra. "Estou seguro de que esta visita lles deixará un grato recordo e gañas de volver", engadiu.
O proxecto POST articúlase ao redor de conceptos como o turismo de autor e o turismo policéntrico, cun enfoque que busca redistribuír os fluxos turísticos cara ao interior e ás zonas menos masificadas, contribuíndo así á cohesión territorial e á loita contra o despoboamento.
Esta visita a Lugo insírese nunha axenda de traballo de tres días pola provincia, que inclúe reunións técnicas, encontros con actores locais e percorridos por distintos enclaves emblemáticos do territorio.
Os resultados finais do proxecto POST presentaranse nos vindeiros meses e trasladaranse á Comisión Europea para contribuír ao deseño da futura política de turismo europea, así como ás cidades e entidades do Eixo Atlántico co obxectivo de analizar as potencialidades turísticas específicas de cada zona e valorar como poden implantarse estes novos conceptos de forma adaptada a diferentes realidades, para, posteriormente, trasladalo ao conxunto da Unión Europea. A definición e identificación da posta en marcha deste modelo de turismo está a ser viabilizada pola Comisión Europea a través do programa Espazo Atlántico


