Lugo empápase un ano máis de identidade, cultura e tradición no Domingo das Mozas

A Alcaldesa presidiu a recepción á Asociación de Amigos do Traxe Galego, que ofreceu un desfile na Praza Maior de vestiario, tanto de garda como de cotío

A soprano Noemí Mazoy foi a encarga de realizar a ofrenda a Rosalía de Castro, cun discurso basado en lembranzas e sentimentos, onde tamén enxalzou a figura da homenaxeada como unha poetisa que escribía dende a alma

Domingo, 08 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo empápase un ano máis de identidade, cultura e tradición no Domingo das Mozas

Lugo vive hoxe unha das xornadas con máis apego á tradición, cultura e identidade, coa celebración do Domingo das Mozas. As boas temperaturas e o carácter festivo da xornada fixeron que a xente saíra á rúa para homenaxear ao traxe galego e a Rosalía de Castro.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu a recepción á Asociación do Traxe Galego, que ofreceu na Praza Maior un desfile de ao redor dunha trintena de traxes, tanto de garda como de cotío. Tras o desfile, a rexedora e outros membros da Coporación, ataviados con vestimenta tradicional, desprazáronse, acompañados de veciños e veciñas, ao Parque de Rosalía de Castro, onde tivo lugar a ofrenda a esta escritora, a cargo da soprano luguesa Noemí Mazoy, unha decisión tomada por maioría na Comisión destes festexos.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou á oferente, unha namorada da súa cidade, que participou en numerosas facetas artísticas, con gran éxito, como actriz e cantante soprano. Na súa ampla traxectoria, participou nas obras teatrais Roberto Zucco, Bodas de sangre ou Electra. Realizou máis de 10 musicais, como Jackyll Hyde, Annie, El fantasma de la ópera, Victor, victoria, Peter Pan, Diario de Ana Frank ou Sonrisas y lágrimas. Como cantante soprano protagonizou as óperas La behomie e Aída e as zarzuelas Non chores Sabeliña, Los Gavilanes ou Las de Caín, entre outras.

Mazoy dedicou o discurso da ofrenda á súa nai, xunto á que de cativa asistía a esta cita. Basou a ofrenda en lembranzas e sentimentos, enxalzando a figura de Rosalía como unha poetisa que escribía dende a alma.

Tras a ofrenda, a soprano interpretou a canción Negra Sombra, pertencente a un poema de Rosalía. Estivo acompañada polo acordeonista Valery Zviarzhevich e a chelista Cristina Nogueira. A continuación, a Banda Municipal de Música interpretou o himno galego.

Os concertos

Nunha xornada, cun forte compoñente de actividades e música tradicionais, así como con presenza feminina, esta tarde, ás 20:30 horas, actuará Sés na Praza Horta do Seminario, tras o concerto, en xornada de mañá, na Praza de Santa María, da lugesa Alba Mesa, que presentou o seu primeiro disco Valiente. O concerto da banda de Merza, a de Chantada e a Filarmónica de Lugo abrion a xonrada de tarde, na que tamén se inclúe o concerto de Desakarto e Arrhytmia, distintos grupos de música tradicional e a verbena coa orquestra Metrópolis.
Mañá luns, Lugo celebra o Día dos Maiores. Ás 12:30 horas terá lugar unha degustación gratuíta de tapas ideadas para celebrar o San Froilán, na Praza de Abastos. Así mesmo, haberá unha sesión de tarde coa orquestra Acordes, e o cocnerto de MITIC na Praza de Santa María, a partir das 21:00 horas. Os Pelúdez tamén estarán amenizando as rúas.

Documento

Multimedia

  • Lugo empápase un ano máis de identidade, cultura e tradición no Domingo das Mozas

Noticias relacionadas