Lugo e Ferrol reivindican a esencia do municipalismo para estreitar os lazos da convivencia entre ambas cidades

Os Alcaldes de ambas cidades presidiron os actos conmemorativos do día dedicado á cidade ferrolá nas festas do San Froilán polo irmandamento oficial entre os dous concellos

Lara Méndez e Jorge Suárez expuxeron os retos comúns de ambas cidades, situando a creación de emprego e a dinamización e diversificación económica como prioridades

Sábado, 08 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo e Ferrol reivindican a esencia do municipalismo para estreitar os lazos da convivencia entre ambas cidades

Corporacións municipais e veciños reforzaron este sábado os lazos históricos que unen ás cidades de Lugo e Ferrol na xornada das festas do San Froilán dedicada á cidade Departamental, cando se cumpren 16 anos do irmandamento oficial entre ambos concellos. Os Alcaldes lucense e ferrolán, Lara Méndez e Jorge Suárez, presidiron os actos conmemorativos, que arrancaron coa tradicional recepción na casa consistorial, seguida dunha comida nas casetas do polbo.

Ademais de membros da Corporación, viaxaron veciños e veciñas da cidade Departamental, que se desprazaron a Lugo. Na recepción participaron así mesmo integrantes dos Colexios de Arquitectos de Lugo e Ferrol, tamén irmanados.

Durante a recepción, os rexedores de Lugo e Ferrol, “cidades irmás”, reivindicaron a esencia do municipalismo para estreitar os lazos da convivencia entre ambas cidades. Subliñaron así mesmo a importancia de abrir as portas do Concello á cidadanía. “Somos a primeira porta á que chaman para ser orientados nas súas dúbidas e escoitados nas súas demandas”, asegurou a Alcaldesa lucense.

Lara Méndez e Jorge Suárez expuxeron os retos comúns das súas cidades, situando a creación de emprego, e a dinamización e diversificación económica como prioridades. A rexedora de Lugo subliñou a importancia do municipalismo neste irmandamento, “coa convicción de que, a convivencia de dúas corporacións pode resultar nunha idea, nunha conversación que, en definitiva, sexa o suficientemente intensa como para prender a faísca da seguinte idea que revolucionase a vida dos nosos veciños e veciñas”.

O rexedor ferrolán, pola súa banda, incidiu na necesidade da “convivencia cívica e pacífica, que entenda a necesidade de conseguir a calidade de vida que todos os veciños e veciñas merecen en igualdade de condicións e respecto”.

Jorge Suárez tamén reivindicou “a loita das dúas cidades para recuperar o seu lugar no mundo, na modernidade e na vangarda das urbes habitables, pulando ao mesmo tempo pola creación de emprego e a diversificación económica, para que Lugo deixe de ser castigada polo seu suposto illamento interior e Ferrol pola súa condición de periferia”

Ambos Alcaldes tendéronse a man para continuar coa estreita relación entre os concellos e os veciños de Lugo e Ferrol, e para manter o espírito de cooperación institucional de cara a buscar solucións en beneficio de ambas cidades. Tras as intervencións dos rexedores, intercambiáronse agasallos institucionais.

5º día de festas
A quinta xornada das festas das festas do San Froilán inclúe varias actividades, nas que ten un gran peso a tradición, con eventos como o San Froilán Tecedeiro, no Parque Rosalía de Castro, o concerto das bandas de Antas de Ulla, Lalín, Ponteareas e Ribadeo, na praza de Santa María, ou os pasarrúas. Miles de persoas prepáranse xa para o concerto de Abraham Mateo desta tarde, a partir das 21.00 horas, na praza Horta do Seminario; Pepe Vaamonde Grupo, ás 22.00 horas, na praza de Santa María, e David Prado, ás 23.30 horas, no mesmo lugar.

Multimedia

  • Lugo e Ferrol reivindican a esencia do municipalismo para estreitar os lazos da convivencia entre ambas cidades

Noticias relacionadas