Lugo e Ferrol reafirman o seu irmandamento facendo fincapé no crecemento económico e en reivindicar melloras nas comunicacións

Lara Méndez: “A nosa segunda gran transformación tamén e económica, na que estamos a investir desde o Concello lucense a maior contía da nosa historia para crear emprego”.

O alcalde Ángel Mato indicou que, “Ferrol avanza, e temos na evolución de Lugo un exemplo de como a continuidade dun bo proxecto de cidade obtén resultados”.

Ambos os dous rexedores destacaron que é un obxectivo irrenunciable reclamar avances nas infraestruturas viarias e ferroviarias para interconectar as cidades en Galicia e co exterior.

Lugo regaloulle a Ferrol unha figura dun gaiteiro feita por Sargadelos, mentres que os ferroláns entregaron unha réplica do monolito 10M para lembrar os falecidos na antiga Bazán.

Sábado, 08 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo e Ferrol reafirman o seu irmandamento facendo fincapé no crecemento económico e en reivindicar melloras nas comunicacións

Un ano máis, o San Froilán reserva unha xornada para celebrar o Día de Ferrol. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o rexedor ferrolán, Ángel Mato, presidiron os actos conmemorativos, que arrincaron coa tradicional recepción á Corporación na Casa Consistorial, á que asistiron, como é tradicional, numerosos ferroláns que se achegaron ata Lugo para gozar das festas.

Durante o acto oficial, a Alcaldesa destacou os fortes lazos de amizade e complicidade que unen as dúas cidades desde 1906, que se reforzou cun irmandamento no ano 2000, e que “cada Día de Ferrol reafirmamos”. Hoxe, afirmou, “é unha xornada para mirar tamén xuntos ao futuro porque temos en común retos e demandas, polo que este acto nos sirve para renovar o compromiso de colaboración e lealdade entre ambas as dúas cidades, así como a vontade de traballar conxuntamente en favor do desenvolvemento da Galicia do norte”.

Méndez incidiu en que Lugo e Ferrol somos “aliadas que temos que aproveitar os nosos recursos para acadar o progreso que necesitan e que esperan de nós os cidadáns. Progreso que estamos a impulsar co denominador común de poñer ás persoas e o seu benestar no centro das nosas accións políticas, apostando firmemente polo municipalismo, e máis tras estes anos convulsos social e economicamente falando, primeiro pola crise pandémica e logo pola crise enerxética”.

Nesta liña destacou que “vivimos anos duros, que nos están a obrigar a ir adaptando as prioridades dos concellos para atender o urxente pero sen descoidar a xestión do día a día e preparando a cidade para o futuro. En Lugo, nesta segunda gran transformación baseada na sostibilidade na que estamos a traballar desde hai 7 anos, estamos avanzando cara unha cidade onde os espazos públicos sexan as extensións dos nosos fogares, pero estamos impulsando, ademais, a nosa gran transformación económica”.

Lembrou que “en Lugo mobilizamos a maior contía económica da nosa historia cun fondo inversor millonario para crear postos de traballo vinculados a proxectos innovadores e que aporten valor engadido, para que os nosos mozos e mozas poidan desenvolver o seu proxecto vital na nosa cidade”. Así mesmo, puxo en valor a gran oportunidade de aproveitar os Fondos de Recuperación Económica para o desenvolvemento de proxectos tanto locais como nas comunicacións”.

A Alcaldesa lucense quixo, neste punto, volver reivindicar solucións para os problemas comúns das dúas cidades, especialmente das infraestruturas viarias e ferroviarias, tanto para viaxeiros como de mercadorías, para non perder competitividade”. Por iso, incidiu, “Ferrol e Lugo debemos estar presentes  no Corredor Ferroviario Atlántico de mercadorías como un dos eixos fundamentais da reindustrialización na que nos atopamos inmersos os dous municipios”. “Acadamos hai unhas semanas o compromiso en Lugo da Secretaria de Estado de Infraestruturas para que se presenten estas conexións na fiestra que se abre o vindeiro ano para incluír máis liñas nas conexións ferroviarias europeas,  tendo en conta a creación dos nodos portuarios de A Coruña e Ferrol dos que a nosa cidade non pode quedar illada”, dixo.  “Nesta loita imos da man Lugo e Ferrol, conscientes Ángel Mato e eu de que esa unidade de acción desde o local debe primar polo ben dos cidadáns”. 

Pola súa banda o Alcalde de Ferrol indicou que, “Ferrol avanza. En moitos aspectos, ten na evolución de Lugo un exemplo de como a continuidade dun bo proxecto de cidade ten resultados. Ferrol está dando, pouco a pouco, pasos firmes para converterse nunha cidade máis sostible e á medida das persoas, e os vindeiros anos van ser importantísimos nese eido”.

“Podemos ver aquí, en Lugo, unha mostra do que significa gañar o espazo público para a veciñanza, crear zonas verdes máis amplas e impulsar dende cero a creación de novos barrios con criterios urbanísticos do século XXI. No ámbito do patrimonio e das súas posibilidades turísticas, podemos comprobar aquí tamén o que significa a obtención dun título como o de patrimonio mundial, algo no que Ferrol está a traballar con especial intensidade nos últimos tempos”, destacou Mato.

Intercambio de agasallos

Finalizadas as intervencións, Méndez e Mato intercambiáronse distintos agasallos. O Concello de Ferrol entregou ao de Lugo a reprodución do monolito 10-M, que simboliza os sucesos ocorridos o 10 de marzo de 1972 cando os traballadores da antiga Bazán saíron en manifestación para reivindicar os seus dereitos laborais, na que morreron dous traballadores. Desde ese ano, Ferrol realiza unha ofrenda conmemorativa, e este ano, ao cumprirse os 50 anos, desenvolveron numerosos actos de lembranza.

Pola súa banda, a Corporación lucense agasallou á ferrolá cunha figura conmemorativa dun gaiteiro feita por Sargadelos.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Día de Ferrol | Descargar mp3

Multimedia

  • Lugo e Ferrol reafirman o seu irmandamento facendo fincapé no crecemento económico e en reivindicar melloras nas comunicacións
  • Lugo e Ferrol reafirman o seu irmandamento facendo fincapé no crecemento económico e en reivindicar melloras nas comunicacións

Noticias relacionadas