Lugo e a Armada de Ferrol vólcanse coa Semana Santa, que aspira a ser declarada de Interese Turístico Galego cando se cumpren 65 anos dos seus vínculos

A Alcaldesa e o Almirante Xefe presidiron a parada militar na Praza Maior, onde se concentraron numerosos veciños e veciñas e visitantes para presenciar os actos, nos que se homenaxou aos caídos

Lara Méndez avanzou que ao Pleno Municipal do vindeiro 2 de abril se levará a solicitude de declaración da Semana Santa Lucense como Festa de Interese Turístico Galego, "un fito importante dentro da Semana Santa e dentro de Lugo"

Luns, 26 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo e a Armada de Ferrol vólcanse coa Semana Santa, que aspira a ser declarada de Interese Turístico Galego cando se cumpren 65 anos dos seus vínculos

O Concello de Lugo e a Armada de Ferrol volcáronse este luns coa Semana Santa lucense, que aspira a ser declarada de Interese Turístico Galego. Deste xeito, renovaron tamén o vínculo que os une dende hai 65 anos nestas datas, concretamente na procesión da Virxe da Esperanza, que unha vez máis será escoltada esta tarde-noite polas rúas de Lugo polos membros da Armada, "nun día que lucenses e visitantes agardan con moita espectación", tal e como afirmou no transcurso do acto a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

Os actos arrincaron na Casa Consistorial, onde a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do Presidente da Deputación, Darío Campos, o Secretario da Subdelegación do Goberno, Roberto Raposo, e o resto da Corporación Municipal recibiron ás autoridades da Armada. Nos actos tamén participaron representantes da Cofraría da Virxe da Esperanza. Posteriormente, as autoridades trasladáronse á Praza Maior, diante do Concello, onde estaban formadas as tropas. Tras pasar revista e saúdar ás autoridades, Lara Méndez e o Almirante Xefe da Armada, Antonio Duelo Menor, presidiron a tradicional parada militar, na que se rendeu homenaxe aos "caídos". Deseguido tivo lugar a retirada da Bandeira e o desfile de tropas, ante a atenta mirada de lucenses e visitantes. Finalizado este, a Banda de Música da Armada ficou na Praza Maior, intepretando distintas marchas militares, que as autoridades escoitaron con atención dende o balcón da Casa Consistorial.

Lara Méndez, para quen este acto "significa unir vínculos e lazos dunha tradición" que cumpre 65 anos dende a primeira vez que saiu a Procesión da Virxe da Esperanza; unindo máis si cabe Ferrol e Lugo", deulle a benvida ao Almirante Xefe, que acude con esta responsabilidade por primeira vez a Lugo, e desexoulle moita sorte no seu cargo. Así mesmo, a Alcaldesa avanzou que ao Pleno Municipal do vindeiro 2 de abril se levará a solicitude de declaración da Semana Santa Lucense como Festa de Interese Turístico Galego, "un fito importante tanto para a Semana Santa como para Lugo".

Pola súa banda, o Almirante Xefe, que agradeceu a calurosa acollida de autoridades e veciños e veciñas de Lugo, amosou "o privilexio e o honor que é estar en Lugo nuns actos tan tradicionais e nun marco inmellorable como é a Praza Maior", un mensaxe que quixo deixar patente no Libro de Ouro do Concello.

Procesión da Virxe da Esperanza

Esta tarde, ás 20:30 horas, está programada a saída da procesión da Virxe da Esperanza da Igrexa da Nova, que irá escoltada pola Armada de Ferrol. Percorrerá a Praza Anxo Fernández Gómez, Campo Castelo, Ronda da Muralla, Bispo Aguirre, Praza Maior, Conde Pallares, Santo Domingo, rúa da Raíña e Praza Maior -diante do Concello, para rematar na Praza Anxo Fernández Gómez.

Audio

Noticias relacionadas