Lugo arranca o Entroido 2016 cun pregón cargado de retranca e filosofía de vida

Lois Pérez, mestre e escritor lucense de 36 anos, deu o pistoletazo de saída ás festas, que inclúen unha vintena de actividades ata o martes

Venres, 05 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Banda Municipal de Música e o grupo de percusión Odaiko encargáronse onte de quentar o ambiente festivo do Entroido 2016 en Lugo, que arrancou na tarde deste venres cun pregón cargado de retranca e filosofía de vida pronunciado por Lois Pérez, mestre lucense de 36 anos, “narrador oral, traficante de historias ou crooner rural, segundo o horario e a ocasión”, como el mesmo se define.

A Alcaldesa, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada doutros membros da Corporación, recibiu ao pregoeiro, que tivo unha gran acollida entre o público cunha intervención teatralizada no Salón de Plenos coa que desatou sorrisos, moitas gargalladas e aplausos.

Tras este pistoletazo de saída das festas máis desenfadada e pícara do ano tivo lugar o Entroido Escénico, a cargo do grupo de teatro da Asociación Down Lugo e Os Palimoquiños e Cia. As charangas Garrafón.com, a Excusa e Os Amigos do Manolo amenizaron a xornada.

Ata o martes, celebraranse unha vintena de actividades. Mañá sábado, o programa comezará ás 10:00 horas, na Praza da Soidade, coa Feira de Produtos Típicos do Entroido, amenizada polos Virtuosos do Tinto. Ás 17:00 horas comezará o gran concurso de disfraces infantil, que repartirá vales por lotes de libros valorados en preto de 1.000 euros. Ademais, a Ronda das Fontiñas, a Praza do Campo, o barrio de Recatelo, Campo Castelo, San Pedro e a Praza Mártires de Carral acollerán diversas actuacións musicais.

O domingo empezará cunha degustación de filloas na Praza da Soidade. A xornada contempla diversas actuacións musicais, así como un baile de entroido no Mercado Municipal de Abastos ás 18:30 horas. O 8 de febreiro os máis cativos poderán gozar cunha ludoteca de xogos xigantes ás 18:30 horas no Mercado Municipal.
Para o martes de Entroido, o Concello ten preparadas actuacións musicais e o gran concurso de disfraces de adultos, que repartirá 6.000 euros en premios. O Velorio e o posterior enterro da Sardiña, así como o concurso de ferretes poñerán o broche de ouro aos carnavais.

Pregón Entroido 2016: Lois Pérez Díaz, A Máscara e a cachucha: mitín de José Manuel Cordal

Buenas tardes: soy José Manuel Cordal, del Partido Entroidal.

Son momentos defíceles pal partido y Este va ‘ser un pregón de moderamiento y conintencionalidaz que a`sé a todo evitara los lugares comunes tan fercuentes en este pregón y que me contraten el año que viene.

Así que con la venérea, señora consejera, señores consiglieri, señoras con-ojeras, lacones, laconas, caballeros, caballeras, lucenses y demásanimales de granja de la contorna, incluídos todos los salvajes de la Cornisa de la Piringalla y de Albeiros centro, mi segunda patria, si los escoitan bourear por aí atrás no se preocupen, son ellos pra avisar que ia han iegado; saludostambién a los señores y las señoras de casibien de las terrazas y de la calle de la Reina, lectores habituales del Progreso y de la Voz. Y también de algún periódico; si les gusta no hace falta que aplaudan, pueden abanear lasjoyas y el carné de afiliamiento del partido; hablando de partidos, quiero de agardecer desde lo más fondo del asador la pocapersencia de mis colegas de lo que queda del Partido Socialista y del Partido Copular, del Bloque AislacionistaGallego, también de Lugonovo, y son horas poco prudentes para la gentemayor, ha venidotambiéngente de Si, ho!-dadanos, y aprovechar para anunciar una de las glandes medidas que el Partido Laconistava`poner en marcha y no es otra que sugirir que el pregón del año que viene corra por cuenta de Marga Nevera de la Luz, pensamos  que luego del míten de Curuña reúne todos los atributamientos para llevaradelante esta tarea con total garantidaz, y meterla en el castín de Jueguiño de Tronos que se va de gravar en las Tierras Medias de Roupar, en fechas venidoiras.

Tambiénsaludar  a  toda la gentiña de Izquierda Vencida, que ha tenido a bien se escapar de su Asamblea nacional, que transcurreahoramismo en el Café Bar Celta, juntaroncuatro mesas; están tardando en llegar la gente de la curia también, si bien es cierto que se tardaron cinco siglos en aceptar que era la Tierraquién viraba arredor del sol en deber de al revés, bien pueden tardar cinco minutos más en llegar a un pregón. Además, ellos van disfrazados todo el año. Enviamos convitamiento a las más altas esferas y dejamos recado en la gasolinera del Corgo Belga a su más destacada representante aquí en la tierra amurallada; desde aquí saludar también la sociedad formada por CharlyChouriz y QuiqueSetiembre que tantas tardes de gloria nos ha ingresado, y que no tienen culpa ninguna del cocido ni de los procesos del gas metano que a estas horas tiene lugar en varios restaurantes de la  villa de Lugo, y también un cariñoso saludo a Abejera que tiene a bien recordarnos el valor de las banderas. Hoy es un día de celebramiento, de chavaliñas y de chavaliños, hay ganas, hoy es un día de se curtir, de campo enlamado, la fricción hace el cariño en noches como esta, la joventúluce(n) susmejores galas: bragas de brega,calzois con el marelo de delante y la nicotina en la bandejatrasera, los depósitos de zumo de coco marcan máximos históricos y es un pacer, una honoración case estar en un acto de tanta enverga-dura.

Estoydigiriéndome a ustedes en castejano porque nací en Parga, capital de Guitiriz,  la Tierra Por Metida y Por Meter, pero voy hacer un esforzamiento por hablar en gallego, es una diferencia que tengo por ustedes, que es el idioma más traicional y en el que los más de vosotros, como buenos lucenses de apero vos manejais como el carallo en el día a día, hablando pronto, mal y arrastro…. “

Os persoeiros aquí presentes... reprimirán as ganas de me partir os dentes, “no pegarán a un hombre con gafas”; seica en Sicilia no 1221 houbo un emperador que promulgou a lei de “jocolatoresobloquentes” que significa bufóns que insultan e difaman, e por esa lei os cidadáns podíanlles insultar, pegar e se puñan moi nerviosos, matalos directamente, que é algo que relaxa moito. Xa non segue en vigor, digo, porque xa vía caras...

BorisVian dicía nun verso que non quixera morrer sen camiñar disfrazado de muller por un gran bulevar e miña nai, non sei se foi por BorisVian ou por aproveitar a roupa vella dos armarios, disfrazoume varias veces de muller durante a miña infancia no Entroido. E a min gustábame porque me podía pintar os labios e tocar as tetas a min mesmo, sen que me castigaran ou me deran unha labazada, e non coma o día que pousei as mans nos peitos dun meco en 3º de EXB na Piringalla, que me reprendeu a Milucha, que polo demais era unha profesora ben progresista, pero ti non lle podías tocar as tetas ao Meco; eran pequenas incongruencias, non as tetas do Meco que eran unhas tetas xenerosas, senón estas incongruencias dos anos oitenta dentro dun clima polo demais de progresía e desenfreno, pero que a través destas contradicións nos facían interiorizar aos nenos a complexa estrutura do estado das autonomías: a nivel nacional, de goberno socialista, ti podíaslle tocar as tetiñas ao Meco; pero a nivel autonómico de goberno popular podíache caer un bergallazo atrás das orellas por parte do Ferreiro, se te vía tocarllas… Aínda que fora Entroido. O Ferreiro, sempre dicía aquela frase de Vigotsky, si: “vos dejais de entroidadas, si…?” Crecemos nestas restricións e vén o desorde e chegamos a Baltar fillo: dende aquí un afectuoso saúdo tamén, non para el senón para seu pai, que sempre foi un trombonista minusvalorado e un dos grandes renovadores do jazz do século XX.

Ao que ía, ao ano seguinte aconteceu outra cousa significativa que acentuou o meu gusto polo Entroido; digamos que miña nai polos entroidos xa estaba inmersa dende había tempo nunha escalada persoal de transgresión social, e foi máis aló: a min disfrazoume de exhibicionista e ela e meu pai disfrazáronse de preservativos musicais (cousa que reprobaría a igrexa, pero de seguro tamén Xosé Lois García ou Vicente Risco), anos despois fomos de orquestra e desaloxounos a Policía Local de aí do palco da Praza Maior: eu co paso do tempo observei que isto non era normal. Pero a min aquilo gustábame: lembro que entrei aí abaixo na Farmacia Central e pedín algo para as inflamacións de pelotas porque o disfrace levaba o complemento do plátano; miña nai mandábame e quedaba a rir fóra, mirando polo cristal.

A min todo isto gustábame, pero entón fixen outro descubrimento máis íntimo e segredo: era moitísimo máis pracenteiro ir só, que para min é onde fallan a meirande parte dos teimudos e intelectuais teóricos do Entroido, que se quedan no rexistro dos usos e costumes a nivel colectivo, pero que renuncian a indagar no gozo solitario e no extravío identitario que supón o disfrace ou a máscara, probablemente porque estudan tanto e son tan aburridos que non teñen tempo a se disfrazar, que pra min é o máis interesante, porque probablemente estou taladrado da cabeza, e quixera hoxe corrixir aquí este agravio histórico que é ignorar ese animal con roupa lucense que só é quen de ver o mundo dende os seus ollos e dende o seu corazón, iso si, despois de cear, primeiro hai que cear. Este aspecto pracenteiro da soidade do Entroido  xa o coñecía miña nai tamén, que anos máis tarde a vin soa pola noite disfrazada de inspectora de educación. “Marchaba oscura por la noche sigilosa”, como a Sibila do Eneas na Eneida. Xa lle viña de miña avoa materna, que era máis práctica e tiña unha visión sumativa das celebracións: miña avoa cociñaba moito, pero no Entroido cociñaba moito máis. Comezaba suave no verán e non lle gustaba porque a xente no vrao non come, pero no San Froilán comezaba a remontar, e viña o Nadal e sumaba e chegaba ao éxtaseno Entroido. Ela era unha estudosa á súa maneira da máscara, a través da desfiguración facial, saiamos de alí como cebolos... Meu avó non, meu avó nese senso era máis purista, do pau de Molière: alimentábase de viño, queixo e atún, e non o movías de aí...

E isto de ir só no Entroido é curioso: a xente observábate querendo saber quen eras e ninguén o sabía máis ca ti. Podías observalos a eles, e iso provocaba curiosidade ou rexeitamento ou directamente cabreo. Pero no en tanto, ti ías descubrindo que cada disfrace te puña en contacto con partes do teu ser que estaban como latentes ou adormecidas o resto do ano. Digamos que eu tiven unha evolución cara o escuro. Tamén nos disfraces: comecei de principiño, de cosaco e de gnomo, pero despois xa veu todo xunto en tromba: muller, exhibicionista, negra corista dos anos setenta-Motown, Elvis  e... Cyrano de Bergerac; que foi todo un trauma para min: saín co nariz e recitando a Edmond Rostand (...levaba un exemplar vello do Cyrano na man...) e toda a noite me dicían o mesmo: que pasa, Pinocho? A min como son un modesto lector de literatura francesa deume igual, pero ti imaxina que chega ser o Caneiro ou outro, por falar de alguén entendido da literatura francesa, que vai de Cyrano e lle din que vai de Pinocho: ármache un Cristo que deixa o local descapotable, entendes? E o Entroido acentúa ademais o noso carácter lacónico: somos extraordinarios comedores de lacón, aínda que certo grao de invasión alcohólica obra o milagre definitivo: pasamos de ir cegos a pensar que somos invisibles, e isto pasa indistintamente en Laza, no Entroido Ribeirao, en Lugo ou nos pubs do Orzán na Coruña.

Por tanto, a necesidade da máscara, que xa está na xénese da Comedia delle Arte de Ruzzante Beolco, está moi presente e unida ao Entroido, xa dende as Saturnais e as Lupercais romanas, e ao noso Entroido, ao Entroido Ribeirao e a moitos outros; inverter os termos e as relacións jerárquicas, aínda que só sexa por uns días, o goce antes da privación, por Valencia seica xa comezan un pouco antes, pero tamén a necesaria válvula de escape, a ilusión da fuga.
 
E todo isto para que? Para dicir que co tempo, parecera que o aburrimento se quixera burlar de min e pásame ao revés: estou a agardar que chegue o Entroido para me mostrar como realmente son e todo o resto do ano paréceme un entroido dos malos: pouca xente disfrazada, pero demasiada xente metida no seu papel como se o tempo non pasara e valera a pena ser un indiferente. Hai disfraces moi malos, e pouco respecto ao Entroido: vexo políticos disfrazados de torpes políticos, vexo falsos poetas disfrazados de falsos poetas envoltos en bufandas e fulares, vexo persoas disfrazadas de perfectos adultos que descubrirán antes ou despois que o seu disfrace non era tan bo; vexo meniños disfrazados de fillos modelo e de perfectos alumnos.

Así que permitide que me emocione cando chega o Entroido e vexo xente entregada á nobre causa de enfastiar, de provocar e de protestar contra esta sobredose de normalidade e de aceptación das cousas, como se fora normal que a nosa vida pasara... Para min iso é o Entroido: a celebración e a protesta a un tempo... da nosa vida que pasa e que se vai.

Sempre conta o Ángel, o camareiro da Cafetería Os Ancares, unha historia dunha vila suíza ao pe dun lago. El tiña primos aló, e a aldea estaba sobre unha roca. Un día avisáronos: “oes, a vosa vila está sobre unha roca e vai caer; no, como vai caer a vila, iso é imposible. E o tempo pasaba e a vila desprazouse suavemente sobre a roca cara o lago. Mirade, pode caer en calquera momento... Non, é imposible. O caso foi que a vila caeu coa roca ao fondo do lago, pero o máis sorprendente aconteceu cando estaban no fondo do lago: todos seguían comportándose exactamente igual, ho, que son iso? Nada, dúas troitas nadando; é perfectamente comprensible. Hoxe está algo nublado; si, a ver se vides comer á casa o domingo; home, canto tempo; eu teño un primo dunha aldea que... E eu creo que entendín: que é terrible que haxa xente que prefira seguir disimulando antes de aceptar a realidade das cousas e a súa propia natureza. Eu convidaría a todo o mundo a que quite o disfrace de todo o ano e elixa a súa mellor sombra que ten agochada, e saia á rúa a celebrar que non hai moito que celebrar, pero ás veces xa é bastante. E soñemos, coma BorisVian, con abogados sinceros, con arquitectos modestos, coa vacuna total. E coa sombra en color...

Dicía Augusto Monterroso, por falar de alguén que teñamos lido todos, verdade? Que comportarse solemnemente nun acto que non o era, non era ser solemne: era ser parvo. E que un pode defender en broma ou con seriedade as ideas que teña (no caso de que teña algunha), porque o importante serán as ideas e non o xeito en que se transmitan. O verdadeiro humorista pretende facer pensar e a veces mesmo facer rir, pero non se fai ilusións e sabe que a súa causa está perdida de antemán. Un humorista que pensa que a súa causa vai triunfar, deixa no acto de ser humorista. Por iso, ao mirarvos agora e ver falsos sorrisos de disimulo ou caras serias de desacordo, sei que triunfei claramente. Pero entiendo que un discurso incinerario coma el de hoy bien debera de tener un final acordeón con el: Viva El Entroido!

Multimedia

Noticias relacionadas