Lugo acolle por primeira vez Equiocio, que propón ao longo da Semana Santa unha completa oferta de competición deportiva e lecer familiar

Lara Méndez, Álvaro Santos e Ana Lago presentaron este evento que inclúe tres partes diferenciadas: deportiva, lúdica e infantil. Estará aberto do xoves 13 ao domingo 16, en xornada de mañá e tarde, no Pazo de Feiras e Congresos

Esta alternativa para as vindeiras datas, súmase ás andainas guiadas que organiza o Concello pola Muralla, o Camiño Primitivo, a Ponte Vella e As Termas Romanas, e a actividades que acollerá o Vello Cárcere, como cine e exposicións

Xoves, 06 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acolle por primeira vez Equiocio, que propón ao longo da Semana Santa unha completa oferta de competición deportiva e lecer familiar

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e a Directora de Equiocio, Ana Lago, presentaron este xoves no Salón de Plenos a 26ª edición deste evento, que acollerá Lugo por primeira vez do vindeiro xoves a domingo no Pazo de Feiras e Congresos. No acto de presentación tamén estiveron presentes o Director Técnico do Concurso Nacional de Saltos, Federico Pérez, e o Xerente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López, así como o responsable de Comunicación de Gadisa, José Luis Fernández, un represesentante de Mahou e outro de Coca-Cola, Raúl Navarro e Raúl Centellas, respectivamente, patrocinadores do evento.

Na presentación, a rexedora agradeceu a todos os membros da organización o seu traballo arduo para conseguir que Equiocio se celebre na cidade luguesa, tras acoller o I Salón do Cabalo en Familia a pasada edición de Equigal. Así mesmo, tivo palabras de agradecemento á Deputación polo apoio a esta cita.

Lara Méndez aproveitou para descatar "a identidade propia deste evento, pois combina a vertente de competición, coa vertente social e educativa, sen obviar a de lecer en familia". Ademais, a Alcaldesa subliñou que Equiocio servirá para potenciar a Semana Santa de Lugo, e que constitúe un atractivo máis para que a xente escolla o destino lugués nestas datas, que se suma ás andainas guiadas que organiza ao Concello pola casco histórico, a Muralla, o Camiño Primitivo, a Ponte Vella e As Termas Romanas, e a actividades que acollerá o Vello Cárcere, como cine e exposicións.

Nesta liña tamén insistiu Ana Lago, quen fixo fincapé na colaboración de Concello e Deputación de Lugo por creer dende o inicio no proxecto de Equiocio para Lugo.

Oferta atractiva e adsequible

Pola súa banda, Álvaro Santos congratulouse de que esta edición de Equiocio teña lugar en Lugo, o que é "froito dun traballo con ilusión", e auguroulle moitas edicións máis na cidade. Así mesmo manifestou o apoio da Deputación, cunha achega de 10.000 euros, a esta iniciativa, "non só unha oferta atractiva para os apaixoados do mundo do cabalo, senón que é adsequible para todo o mundo". Tamén quixo enxalzar o lugar no que se celebrará, o Pazo de Feiras e Congresos, un espazo ao que o Concello e Deputación lle queren sacar todo o rendemento posible que ten, e poñelo ao servizo da cidadanía, e ao tecido económico e lúdico non só da cidade, senón da provincia.

Equiocio é un evento que terá lugar entre o xoves 13 e o domingo 16 de abril no Pazo de Feiras e Congresos. Inclúe 3 partes, unha deportiva, na que se engloba o campionato de salto a nivel nacional, de 2 estrelas, nos que participarán uns 150 xinetes de distintas partes de España e Portugal; unha lúdica, que inclúe exposición e venda de artesanía, o Equiocio Consciente (de asociacións, ONGs), venda de cadros e mercadillos e exposición do traballo de distintas asociacións e colectivos; e por último, a infantil, con zona de xogos. A entrada custará 3 euros -os menores de 16 anos entrarán gratis-, e irá destinada á Fundación de Dano Cerebral (FUDACE), cuxo presidente, Luis Abelleira, estivo presente tamén na presentación. Tamén haberá sorteos ou paseos en poni, entre outros.

Audios

Documentos

Noticias relacionadas