A cita desenvólvese durante esta fin de semana nas instalacións da Escola Municipal de Música e no MIHL
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro visitaron o encontro, e conversaron con Cristóbal Soler, presidente da asociación de directores de orquestra

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo xunto coa concelleira de Cultura, Maite Ferreiro visitaron as instalacións da Escola Municipal de Música onde se está a desenvolver o segundo encontro de dirección, organizado polas escolas de música de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol en colaboración coa Escola Municipal de Música de Lugo e a Área de Cultura do Concello de Lugo.
O Encontro está dirixido por Cristóbal Soler, presidente da Asociación Española de Directores de Orquestra e director das orquestras do Teatro Real, Orquestra de RTVE e Orquestra Nacional de España, con quen Maite Ferreiro e Rubén Arroxo mantiveron un encontro “para aumentar a colaboración entre o Concello de Lugo e esta asociación e achegar á nosa programación cultural as mellores orquestras do estado”, segundo explicou Maite Ferreiro.
O encontro de dirección terá lugar durante esta fin de semana nas instalacións da Escola Municipal de Música e no MIHL. No programa inclúense aulas de análise de repertorio e técnica de dirección e ensaios con agrupacións instrumentais, como ensembles instrumentais ou bandas. Ademais, daranse aulas abertas a estudantes de dirección, tanto teóricas como prácticas.