Lugo, 1ª cidade española que acollerá a asemblea da Confederación Europea de Festas e Manifestacións Históricas

O encontro reunirá en outubro na cidade a medio cento de representantes das diversas asociacións de festas e recreacións históricas dos 10 países que conforman esta confederación

Luns, 04 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Lugo acollerá en outubro a asemblea da Confederación Europea de Festas e Manifestacións Históricas (CEFMH), á que está asociada o Arde Lvcvs, que este ano celebra o seu décimo quinto aniversario. Así o anunciou este luns a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen se mostrou orgullosa de que Lugo sexa sede desta xuntanza, que por primeira vez se celebrará en España. Trátase dun encontro no que se darán cita medio cento de representantes das diversas asociacións de festas e recreacións históricas de Alemaña, España, Francia, Italia, Portugal, Holanda, Bélxica, Hungría, Polonia e Romanía, países que conforman esta confederación e que responden á necesidade de máis de 1.000 festas históricas de Europa. A noticia foi acollida con satisfación este fin de semana pola edil, durante a asemblea da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas, que se celebrou en Medina del Campo.

A Concelleira fixo fincapé no efecto de atracción turística e no impacto económico que desprenden as festas de recreación histórica, actualmente en auxe, “pois ademais de fomentar o coñecemento da historia de cada pobo, vila ou cidade, poñen en valor o patrimonio histórico”. Neste senso, a edil lembrou que o Arde Lvcvs deixou na súa pasada edición uns 6 millóns de euros na cidade e ata un 98% de ocupación hoteleira.

A Confederación Europea de Festas e Manifestacións Históricas reúne as máis importantes festas e manifestacións históricas de Europa. A súa actividade principal é a divulgación das festas para facilitar un maior e mellor coñecemento. Nestas asembleas compártense experiencias e deséñanse estratexias e proxectos comúns. Ademais a CEFH representa os intereses e facilita a información entre as asociacións nacionais e cidades asociadas.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a Confederación Europea de Festas e Manifestacións Históricas |Descargar mp3

Noticias relacionadas