Licitado o programa Smart City, que acadou o Goberno para mellorar o acceso da cidadanía aos servizos públicos a través da tecnoloxía

O importe que saíu a contratación ascende a 3,1M€, destinados a actuacións como a implantación integral da Administración Electrónica, a ampliación dos servizos da Tarxeta Cidadá, o reforzo do Portal de Transparencia e a xestión eficiente de apartamentos, recollida de lixo, alumeado público ou lectura de contadores

As ofertas poderán presentarse ata o 9 de abril e a valoración das mesmas concluirá en xuño, polo que as previsións apuntan a que finais do verán poderá comezará a acometerse o proxecto

Mércores, 21 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal, Miguel Fernández, anunciou este mércores que vén de saír a licitación o contrato para desenvolver o Lugo Smart City, o programa que conseguiu o Goberno local a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) –que achega o 60% do financiamento- co obxectivo de “aproveitar as amplas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas mellorando o seu acceso aos servizos públicos”.

Os detalles da licitación e dos propios pregos de contratación están colgados dende onte á tarde no Perfil do Contratante de Red.es, plataforma dependente do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital.

O importe do contrato é de 3.150.000€, e as empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o vindeiro 9 de abril. A valoración das mesmas concluirá no mes de xuño, polo que, indicou Fernández, “prevemos que a finais de verán poidamos comezar a executar este proxecto tecnolóxico”.

Entre outras actuacións, o Lugo Smart City leva consigo:

- A implantación completa e integral da Administración Electrónica no Concello.

- A posta en marcha dunha plataforma de xestión intelixente de infraestructuras locais.

- A ampliación dos servizos da Tarxeta Cidadá. Ademais do pago do transporte, incluirá o pago de taxas municipais ou a autentificación en Administración Electrónica.

- O reforzo do actual Portal de Transparencia.

- E a xestión intelixente dos seguintes servizos:

• Aparcamento: coa instalación dunha rede de sensores inalámbricos no asfalto, que detectarán o peso dun vehículo, o que indicará que existe ou non unha praza libre de aparcadoiro a través dunha App, que contará cun sistema de guiado ata a praza libre máis próxima.

• Recollida de lixo: coa instalación de sensores de almacenamento conectados vía GPRS ou 3G nos colectores, principalmente para os do rural, cun software central, o que indicará se é necesario ou non pasar a recoller o lixo, co que se aforrará neste servizo, posto que se paga por desprazamento e tonelada recollida.

• Implantación de medidas de eficiencia enerxética en 6 dependencias municipais: Concello, Seminario, piscinas das Pedreiras e Frigsa, CEI-NODUS e Centro Social Uxío Novoneyra.

• Xestión eficiente do alumeado público no entorno urbano e rural, con regulación de fluxo lumínico a través de dispositivos de control.

• E xestión eficiente dos colectores de auga a través da lectura e supervisión a través de GPRS ou 3G.

Coa licitación do programa Smart City, “que supoñerá un impulso decisivo para converter Lugo nunha cidade intelixente, avanzamos na posta en marcha dos proxectos europeos que conseguimos dende o Goberno, proxectos que suman un investimento de 22 millóns de euros, dos cales nos Orzamentos deste ano van contemplados 9,2 millóns”, recalcou o voceiro municipal, quen lembrou que a finais da semana pasada a Alcaldesa, Lara Méndez, presentou o deseño das cinco primeiras obras da Estratexia DUSI, actuacións que mellorarán a mobilidade entre a cidade e o río Miño.

Xunta de Goberno

Miguel Fernández fixo estas declaracións na rolda de prensa que ofreceu tras a Xunta de Goberno, na que, entre outros asuntos, se aprobou a prórroga por un ano dos contratos para o subministro de emulsión bituminosa para o mantemento de toda a rede de camiños municipais e de panadería para o Fogar do Transeúnte, por importe de 35.600 e 5.300€, respectivamente.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre o programa Smart City | Descargar mp3

Noticias relacionadas