Lembranza, no Vello Cárcere e Bispo Aguirre, a Isidro Novo, que dará nome á Biblioteca Municipal

Lara Méndez e outros membros da Corporación Municipal asistiron á descuberta dunha placa na última morada do escritor lugués

Sábado, 03 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lembranza, no Vello Cárcere e Bispo Aguirre, a Isidro Novo, que dará nome á Biblioteca Municipal

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asistiu este sábado ao acto de descuberta dunha placa en lembranza a Isidro Novo, na que foi a última morada do escritor, concretamente na rúa Bispo Aguirre, 10. Trátase dunha actividade enmarcada na homenaxe a este lugués, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración do Concello. Tamén estiveron presentes o Voceiro Municipal, Miguel Fernández, e as concelleiras de Benestar Social e Concello e Cidadanía, Ana González e Rosana Rielo, respectivamente; así como a Deputada de Cultura, Pilar García, e outros membros da Corporación Municipal.

Esta xornada de homenaxe arrincou cun simposio, no auditorio do Vello Cárcere. Nel interviron Jose Luis Calvo, co relatorio Isidro Novo: retrato robot; X.Ramón Freixeiro, con Isidro Novo no ronsel das palabras fuxidías, Yago Rodríguez, que fixo Unha achega intimista á narrativa de Isidro Novo e Marica Campo, que falou sobre A poesía de Isidro Novo. Tamén se celebrou o faladoiro Alén da escrita. O outro Isidro; coa participación de Cesáreo Sánchez, Darío Xohán Cabana, Paco Martín e X. Henrique Rivadulla. Presentaron e moderaron esta actividade Lois Pérez e Antonio Reigosa.

Xa en xornada de tarde, o patio do Vello Cárcere acollerá un recital, no que intervirán Xoán Neira, David Otero, Xosé Lois García, Lois Diéguez, Toño Núñez, Alberte Momán, Xoán Xosé Fernández, Martiño Maseda, José Blázquez, Joaquín Carballido, María Xosé Lamas, Xosé Miranda, María José Fernández, Paco Reija e Luis Valle. Do mesmo xeito que o simposio, Lois Pérez e Antonio Reigosa presentarán a actividade, que terá banda sonora, da man de Tundal, Minhotos e Pilocha.

Durante toda a xornada no patio central e celas do Vello Cárcere, houbo unha exposición con libros, fotografías, ilustracións e outros obxectos vinculados ao labor creativo e vivencial de Isidro Novo. Con todas estas actividades, posteriormente o Concello editará un libro. 

O Pleno do Concello aprobou na última sesión, a instancias do Goberno, designar á Biblioteca Municipal co nome de Biblioteca Municipal Isidro Novo.

Noticias relacionadas