Lara Méndez: “A violencia de xénero é unha laxa para unha sociedade que se quere democrática e libre na súa totalidade”

A rexedora lucense participaba esta mañá nos diferentes actos institucionais organizados na cidade con motivo do 25N.

O Concello rendeu ante a Árbore de Vida a xa tradicional ofrenda floral, onde unha usuaria da Casa da Muller deu lectura ao manifesto.

Durante toda a xornada a poboación poderá deixar as súas mensaxes #maltratadoresnon na performance con manequíns que se instalou na Praza Maior.

Venres, 25 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “A violencia de xénero é unha laxa para unha sociedade que se quere democrática e libre na súa totalidade”

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, e a tenenta de alcaldesa de Cohesión Social, Ana González Abelleira, acompañadas por outros membros da Corporación local, asistiron esta mañá aos actos institucionais organizados polo Concello, con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller.

Os actos arrincaron na Praza de Santo Domingo, fronte á Arbore da Vida, cunha ofrenda floral que este ano tomou a forma dunha bolboreta en alusión ao lema da programación municipal ‘Árbores de vida, Bolboretas de liberdade’ na honra das irmáns Mirabal’.

Unha usuaria da Casa da Muller foi a encargada de ler o manifesto, no que se fixo un especial fincapé sobre a crueldade coa que se exercen as múltiples violencias que se practican contra a muller e que comprometen seriamente a orde social xusta e igualitaria.

A lectura fixo tamén alusión a outras formas de agresión que xorden ao amparo das novas canles de comunicación e socialización, máis concretamente, á ciberviolencia que tanta repercusión está a ter na mocidade.

Precisamente, a alcaldesa, interpelou, durante a súa intervención coa que pechou o acto, a non baixar a garda.

“Debemos seguir avanzando e dando pasos na consecución de dereitos, evitando que se retroceda naqueles logros xa adquiridos. Ese debe ser un obxectivo ao que toda a sociedade, contribúa no seu conxunto, cun marco moi amplo que abranga todas as esferas. No eido educativo, principal eixe das nosas actuacións de concienciación e co propósito de erradicar o patriarcado en idade temperá. Para que os nosos fillos e fillas o recoñezan, incluso nas súas versións máis sutís e teñan a capacidade de rexeitalo. Así os protexemos e nos protexemos. Pero tamén no eido familiar, camiñando con eles, construíndo en valores e dando exemplo”.

“No eido institucional – continuou a rexedora - porque dende as Administracións as políticas de xénero deben ser, o están a ser xa neste Concello, transversais a todo canto facemos. Empezando pola ensinanza, pola atención social, o urbanismo, etc. Porque a perspectiva de xénero é a única perspectiva posible. E, por suposto, nos eidos lexislativo e político. Onde a representación pública non se pode prestar nunca a comportamentos de tanta baixeza moral como aos que asistimos esta mesma semana no Congreso”, lamentou Méndez.

A alcaldesa referiuse á violencia machista como unha “lacra que non coñece fronteiras, non discrimina por nacionalidade, por idade, por clase social nin por cultura. As vítimas podemos ser calquera de nós, vós, as nosas fillas, irmás e amigas. As cifras todas, as visibles dos asasinatos e das denuncias oficiais pero tamén as invisibles, as dos casos aínda mergullados, son unha laxa para unha sociedade que se quere democrática, que se quere libre. Se o que quere é ser libre na súa totalidade”, engadiu.

“Porque cada vez que agriden ou atacan a unha muller, todos e todas debemos sentirnos agredidas. De non ser así, estariamos ante un fracaso como sociedade”, concluíu Lara Méndez.

A continuación, Rut León interpretou a canción “Ya no más”, de Susan Ochoa coa que se quixo enviar unha contundente mensaxe de rexeitamento aos ataques machistas.

Por outra banda, o Concello habilitou unha performance con manequíns na Praza Maior na que a poboación poderá deixar as súas mensaxes #maltratadoresnon. Un hashtag escollido para representar este ano a campaña de concienciación ante a necesidade de afastar o sentimento de culpabilidade que os maltratadores, como parte do seu castigo, pretenden inferir ás vítimas.

Igualmente, a área de Xuventude ten preparadas accións reivindicativas, demandadas polos mozas e mozas que participan habitualmente nas actividades da Casa da Xuventude. Unha delas é ‘Quen ocupa esa cadeira?, una mostra teatral a cargo de Palimoquiños e CIA, que terá lugar mañá, 26 de novembro no adarve da Muralla, e, como colofón á programación municipal,o salón de actos do centro de convivencia Maruja Mallo acollerá o día 29 a Mesa de diálogo: Mulleres dos diferentes ámbitos ante a violencia de xénero, na que participan: FADEMUR, ACADAR, RIOPLATENSES, AELU e ALIAD-ULTREIA.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, en loita contra as violencias machistas | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez: “A violencia de xénero é unha laxa para unha sociedade que se quere democrática e libre na súa totalidade”
  • Lara Méndez: “A violencia de xénero é unha laxa para unha sociedade que se quere democrática e libre na súa totalidade”
  • Lara Méndez: “A violencia de xénero é unha laxa para unha sociedade que se quere democrática e libre na súa totalidade”
  • Lara Méndez: “A violencia de xénero é unha laxa para unha sociedade que se quere democrática e libre na súa totalidade”

Noticias relacionadas