Lara Méndez supervisa as obras do primeiro coliving artístico municipal de España, que potenciará o talento e a industria cultural

Esta actuación recupera a vivenda do pintor Gómez Pacios e inclúe un novo edificio para exposicións e a creación de 3.000 m² de zonas verdes como espazo cultural aberto

A Alcaldesa lembrou que este proxecto implicará tamén potenciar o Camiño Primitivo como experiencia turística innovadora e poñer en valor o emblemático barrio do Carme.

Martes, 27 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez supervisa as obras do primeiro coliving artístico municipal de España, que potenciará o talento e a industria cultural

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisou hoxe as obras do primeiro coliving artístico municipal de España, co que pretende, lembrou, “promover o talento e a industria cultural da cidade e potenciar, como unha experiencia turística innovadora, o Camiño Primitivo - onde se ubica o inmoble -, así como crear un novo espazo ao aire libre para o desenvolvemento de actuacións culturais, que permitirá poñer aínda máis en valor o emblemático barrio do Carme”.

O proxecto inclúe a recuperación da que fora a vivenda do pintor e escultor Gómez Pacios e a construción dunha nova edificación que será área expositiva, así como a creación de 3.000 m² de infraestruturas verdes ao seu carón, que se habilitarán como zona cultural aberta a toda a cidadanía e que contará con programación propia.

O obxectivo é recuperar este espazo para que os artistas pasen tempadas e creen interrelacionando as súas disciplinas artísticas, nun proceso que poderán compartir cos peregrinos que percorran o Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo. Por iso, a reforma da construción existente, de titularidade municipal, inclúe habitacións e espazos comúns e áreas de traballo e talleres. “Farase de xeito respectuoso co inmoble, conservando os muros e todos os elementos existentes de valor, como o muíño contiguo, actuando só onde se detecten danos ou eivas de habitabilidade”, lembrou a rexedora.

Méndez indicou que o equipamento cultural se ampliará cun novo edificio independente, “que será de madeira e cristal para incrementar a sensación de lixeireza e evitar que resulte invasivo na paisaxe que, á súa vez, actuará como escenario de concertos, teatro e mostra do labor dos e das artistas residentes”.

En canto aos espazos verdes, a alcaldesa incidiu en que o seu deseño dará resposta aos desniveis existentes desde a Rolda do Carme á casa para que sexa accesible, polo que se estruturará en bancais creando distintos ambientes onde desenvolver actividades. Así mesmo, a existencia de auga na parcela permitirá canalizala para crear un estanque con vexetación adecuada ao seu redor.

Envergadura dos traballos

Dada a envergadura dos traballos, que necesitan de maquinaria pesada, restrinxiuse esta mañá o tráfico para descargala.

A casa Coliving é un proxecto enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiado ao 80% pola Unión Europea, a través dos fondos FEDER, encamiñada a unir a trama urbana de Lugo coa súa contorna fluvial, para acadar unha cidade máis sostible, verde, innovadora e moderna.

As obras, que serán realizadas por Sergonsa Servicios SL, contan cun prazo de execución de 10 meses e un orzamento total de 490.978 euros.

Multimedia

  • Lara Méndez supervisa as obras do primeiro coliving artístico municipal de España, que potenciará o talento e a industria cultural

Noticias relacionadas