Lara Méndez supervisa o inicio das obras das Caldas do Miño, dotación que impulsará a contorna fluvial e será un revulsivo turístico

A alcaldesa de Lugo aposta por este equipamento, inspirado nos baños públicos romanos, como un recurso de atracción de visitantes e de dinamización da economía local.

As instalacións, que seguirán os máximos parámetros de eficiencia enerxética, contarán con seis pozas, catro de auga quente e dúas frías, así como de vestiarios.

O Concello proxectou un deseño cun mínimo impacto visual e ambiental, “porque queremos ser tremendamente respectuosos coa zona na que se executan”.

Ao proxecto das caldas sumarase a execución da praia fluvial, que en breve se presentará.

Venres, 08 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez supervisa o inicio das obras das Caldas do Miño, dotación que impulsará a contorna fluvial e será un revulsivo turístico

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do tenente de alcaldesa e responsable de Medio Ambiente, Miguel Fernández, supervisou hoxe o inicio dos traballos de construción das Caldas do Miño, o novo equipamento de uso público e gratuíto que o executivo municipal impulsa a carón do leito fluvial, como recurso cultural, de recreo e turístico da cidade.

A rexedora sostivo que “as caldas serán un gran revulsivo vinculado co noso legado xa que están inspiradas nos baños públicos romanos”, e engadiu que “con estas instalacións sumaremos novos espazos para o goce da nosa veciñanza, para as e os peregrinos, xa que moi preto pasa o Camiño Primitivo e pode ser una etapa de parada e descanso para eles, e para a atracción de visitantes nun momento tan interesante para a cidade para captar un turismo de experiencias, e polo tanto, de calidade”.

O equipamento situarase nunha extensión de case 400 m² dentro dunha parcela de 84.000 m² situada ao carón do Pazo de Feiras, na Avenida Fábrica da Luz, e a altura do Club Fluvial.

Ao proxecto das caldas sumarase a execución da praia fluvial, que en breve será presentado.

As instalacións foron proxectadas seguindo os máximos parámetros de eficiencia enerxética, de acordo ao modelo de cidade polo que aposta o Goberno local. Así, estarán compostas por 4 piscinas de auga quente -cunha profundidade de entre 60 e 90 cm-, dotadas dunha manta térmica removible que as protexerá fronte á intemperie para evitar perdas enerxéticas e previr caídas durante o horario de peche, e dous pediluvios de auga fría, sumando unha superficie aproximada de lámina de auga de 150 m².

Cada unha das pozas, con aforo para 50 persoas en uso simultáneo, terá unha forma e dimensión diferentes e o recinto contará cun edificio dunha planta e con cuberta axardinada para albergar un atrio, vestiarios, aseos e os equipos de aerotermia. O Concello escolleu esta tecnoloxía para as instalacións por tratarse da opción máis rendible dende o punto de vista da eficiencia enerxética reducindo a mínimos a pegada de carbono que se xeraría cunha instalación que non estivese á altura dun proxecto innovador e de primeiro nivel que require unha cidade como Lugo.

Lara Méndez lembrou, ademais, que o deseño das Caldas busca o mínimo impacto visual e ambiental, “porque queremos ser tremendamente respectuosos coa zona na que se executan, unha contorna privilexiada na que estamos a traballar con diversos proxectos para que os cidadáns accedan a ela con máis facilidade e a través dunha nova mobilidade, con itinerarios a pé e en bicicleta, desde a trama urbana da cidade”.

O Concello destinou un total de 919.587 euros para a posta en marcha desta nova dotación que executará a UTE formada polas empresas lucenses Luis Villamide SL, Luclimat SL, e Instalaciones Deportivas Norte SL, nun prazo máximo de doce meses.

As caldas son un proxecto enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola Unión Europea, a través dos fondos FEDER, e cuxo obxectivo é unir a trama urbana de Lugo coa súa contorna fluvial, para acadar unha cidade máis sostible, verde, innovadora e moderna.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre as obras de inicio nas Caldas | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez supervisa o inicio das obras das Caldas do Miño, dotación que impulsará a contorna fluvial e será un revulsivo turístico
  • Lara Méndez supervisa o inicio das obras das Caldas do Miño, dotación que impulsará a contorna fluvial e será un revulsivo turístico
  • Lara Méndez supervisa o inicio das obras das Caldas do Miño, dotación que impulsará a contorna fluvial e será un revulsivo turístico

Noticias relacionadas