Lara Méndez reúnese con veciños de Albeiros, que recollerán sinaturas para homenaxear ao párroco Luis Soto Camino para poñer o seu nome a unha rúa do barrio

A alcaldesa de Lugo mantivo un encontro coa asociación, que lle avanzou a súa proposta de acadar un mínimo de 2.000 sinaturas para refrendar o apoio a esta iniciativa

Rexedora e veciñanza lembraron que don Luis foi unha unha persoa moi querida en toda a cidade pola súa proximidade e xenerosidade, especialmente cos máis desfavorecidos

Sábado, 24 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez reúnese con veciños de Albeiros, que recollerán sinaturas para homenaxear ao párroco Luis Soto Camino para poñer o seu nome a unha rúa do barrio

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo unha reunión con Fernando Rois e José Portomeñe, presidente e secretario da Asociación de Veciños de Albeiros, para escoitar o interese deste colectivo por dedicarlle unha rúa a Luis Soto Camino. O colectivo cidadá propuxo cambiarlle o nome á rúa Xenebro polo nome do primeiro párroco desta parroquia lucense. No encontro tamén participou o presidente da Federación de Veciños, Jesús Vázquez.

Lara Méndez trasladoulles que o Concello atenderá a iniciativa veciñal, coa que se pretende poñer en valor a figura de Soto Camino, quen exerceu como sacerdote en San Lorenzo de Albeiros durante máis de 50 anos. A rexedora lembrouque “don Luis foi un dos principais impulsores da nova igrexa do barrio, unha persoa moi querida e admirada non só nesta parroquia, senón en toda a cidade pola súa proximidade e xenerosidade, especialmente cos máis desfavorecidos”.

Fernando Rois apuntou que “queremos renderlle homenaxe por toda unha vida dedicada a esta parroquia, para que o día de mañá sexa recordada a súa exemplar labor, que deixou unha gran impronta en varias xeracións de veciños. Neste senso, puxemos en marcha esta iniciativa que comezará cunha recollida de firmas nos barrios de Albeiros, Garabolos ou A Piringalla, que forman parte da parroquia”.

O obxectivo da Asociación é recoller un mínimo de 2.000 sinaturas coas que refrendar o apoio dos cidadáns a esta iniciativa. Unha vez logrado, a rexedora comprometeuse a atender a súa proposta. Deste xeito, a rúa Xenebro, situada ao pé da igrexa de Albeiros e que conecta a Avenida da Coruña coa Rolda Norte, podería levar o nome do párroco falecido en xuño de 2014.

Noticias relacionadas