A alcaldesa sumouse hoxe á marcha organizada pola Federación de Asociacións de Veciños, coa que se pretende poñer en valor o patrimonio natural e histórico da cidade

A alcaldesa lucense, Lara Méndez, participou esta mañá na marcha organizada pola Federación de Asociacións de Veciños, dentro dos actos cos que a cidade quere conmemorar o 150 aniversario da Ponte da Chanca.
A camiñada, que partiu ás 11:30 horas do inicio do Paseo do Rato na estrada da Fonsagrada, pretende reivindicar a importancia do patrimonio natural pero tamén a pegada arquitectónica, económica e mesmo artística que a creación da infraestrutura ferroviaria supuxo para Lugo.
“O seu inicio foi un fito para a historia contemporánea local, un paso fundamental para que en 1883 puidese chegar o primeiro tren desde Madrid. Hoxe, case século e medio despois queremos enxalzar unha dotación tan valiosa para a vertebración do territorio, para as comunicacións do municipio e, por tanto, para a súa dinamización. Un obxectivo no que dende o Concello seguimos traballando, apoiándonos na modernización actual das vías que está a executar o ADIF, demandando máis mellores conexións e impulsando a Estación Intermodal”, afirmou a rexedora quen tamén cualificou de “moi acaída” a proposta veciñal de rememorar a transcendencia da Ponte, “in situ, cunha actividade saudable e aproveitando que se atopa nunha contorna moi fermosa, especialmente en primavera”.
Méndez lembrou tamén que, atendendo as suxestións da cidadanía, o Executivo local acadou que a Fundación ONCE emitira en decembro un dos seus cupóns coa imaxe do viaduto. “Unha difusión, que nos orgullece a todas e todos os lucenses, e que contribuíu a incrementar a nosa proxección no conxunto do país”, valorou a alcaldesa.