Lara Méndez reestrutura o Goberno de Lugo para reforzar as áreas que atenden aos colectivos máis afectados pola pandemia

Anuncia a incorporación de Silvia Alonso como concelleira de Muller e Igualdade, e agradécelle o seu paso adiante “sen dubidalo” e “o seu compromiso no proxecto de cidade”.

Alvaro Santos ocupará unha nova área, Sostenibilidade Urbana, e Paula Alvarellos seguirá ao fronte de Gobernanza, “concellería que permite a todo o Goberno ser máis eficaz”.

Miguel Fernández asume Cohesión Territorial, que integrará Medio Rural e Medio Ambiente, “claves para unha cidade que aposta por desenvolver políticas contra o cambio climático”.

Refórzase a área de Cohesión e Dinamización Social, onde se impulsarán aínda máis as políticas “daqueles colectivos que peor o están a pasar pola crise social e económica”.

Mauricio Repetto levará  Xuventude e Deporte, “coa encomenda de actuar ante a situación de desemprego e de falta de oportunidades que está a padecer á mocidade de Lugo”.

Ana González ocupará a concellería de Desenvolvemento Local e Emprego, e Olga López mantense ao fronte de Benestar, Inclusión e Maiores.

Venres, 09 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez reestrutura o Goberno de Lugo para reforzar as áreas que atenden aos colectivos máis afectados pola pandemia

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe a nova organización do Goberno local, propiciada pola marcha por motivos persoais do que foi concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, reorganización que a rexedora aproveita para reenfocar e reforzar as áreas municipais que atenden aqueles colectivos máis afectados pola crise social e económica derivada da pandemia. 

En primeiro lugar, a rexedora deu a benvida a nova concelleira da Corporación, Silvia Alonso, Pérez, que ocupará a vacante do edil ao ser a seguinte da lista electoral, “que se une a nós con dedicación exclusiva tras solicitar servizos especiais como docente na Facultade de Humanidades da USC, na que da clases desde o ano 1999”.

“Quero darlle a benvida e transmitirlle a miña gratitude, porque díxome que si axiña, sen preguntarme nin sequera cal sería a súa función, o que amosa a súa plena confianza no proxecto de Goberno que estamos a desenvolver. Confianza que é mutua xa que incorporamos a unha persoa de gran valía profesional e persoal”, sostivo a alcaldesa, que aclarou que a edil “comezará xa a traballar, pero non terá dedicación exclusiva ata mediados do maio ao estar inmersa na etapa final de exames e de avaliación co seu alumnado, e non quere deixar esta responsabilidade sen rematar, o que xa da idea da seriedade coa que actúa en todo momento”.

Con esta nova incorporación, Lara Méndez, reorganiza as distintas áreas de Goberno, tendo en conta, por unha parte, “criterios que nos permitan o mellor desenvolvemento do proxecto de cidade que deseñamos co fin de darlle continuidade a Segunda Gran Transformación de Lugo, xa iniciada no mandato anterior”, pero tamén contando que “a experiencia e as capacidades dos concelleiros e concelleiras fosen a mellor garantía para o desempeño do seu traballo como servidores públicos”.

A estes criterios, “que son os que conformaron xa o primeiro equipo de Goberno”, súmanse agora as novas necesidades dos colectivos máis afectados pola pandemia, “que fomos detectando en todos estes meses nos que traballamos inmersos na dureza das consecuencias da Covid, e aínda que xa activamos numerosas medidas para palialos, nos queda moito camiño por andar na procura de vías para saír reforzados, tempo no que temos que seguir centrados nos sectores máis vulnerables e seguir avanzando na cidade verde que nos está a situar á vangarda nun momento no que vemos que o futuro das cidades postpandemia pasa necesariamente pola sostenibilidade”.

“E como ata momento – lembrou a rexedora- ningunha das liñas de Goberno que trazamos serán independentes unhas das outras, senón que desenvolveremos un traballo transversal con obxectivos compartidos baseados no Lugo que queremos”

Das catro grandes áreas de Goberno, a única que permanece inalterable é a de Gobernanza, coa concelleira Paula Alvarellos ao fronte, “área de xestión por excelencia xa que Economía, Facenda e Recursos Humanos é a máquina executiva que nos permite desenvolver as políticas públicas da totalidade do Goberno local de xeito máis efectivo”, sostivo Lara Méndez.

A Área de Desenvolvemento Local Sostible, constituída polas concellerías de Medio Ambiente, Urbanismo Sostible e Desenvolvemento local e Emprego, desaparece como tal e se reconvirte en Sostenibilidade Urbana. Integrará só Urbanismo, así como o desenvolvemento da empresa pública de Evislusa. Estará ao fronte da mesma o edil Alvaro Santos.

Créase, ademais, a Área de Cohesión Territorial, da que se fará cargo o edil Miguel Fernández, que manterá as competencias de Medio Rural e asume as de Medio Ambiente, “concelleiras clave para esta cidade, que aposta de maneira decidida por desenvolver políticas públicas contra o cambio climático”, explicou a alcaldesa.

A Área que máis se reforza é a de Cohesión e Dinamización Social. Lara Méndez subliñou que “o Lugo que queremos é o da igualdade e a xustiza social, o da creación de oportunidades para todos, a consecución de emprego, especialmente entre a mocidade, e o da atención aos colectivos máis vulnerables, accións que están especialmente vinculada coas Políticas Sociais que, como sabedes, son bandeira dos gobernos socialistas deste concello desde o inicio”.

Neste senso, a alcaldesa amosou a súa preocupación especialmente pola situación que atravesa a mocidade, “a situación de desemprego e de falta de oportunidades a causa desta crise, que debemos atender e dinamizar”.

Con estas premisas, a Área de Cohesión e Dinamización Social quedará constituída coas seguintes consellerías:

  • Desenvolvemento Local e Emprego, coa concelleira Ana González Abelleira ao fronte.
  • Xuventude e Deportes, da que se ocupará o edil Mauricio Repetto.
  • Benestar, Inclusión e Maiores, que manterá a Olga López Racamonde como responsable
  •  Igualdade e Mulller, que pasará a ocupar Silvia Alonso.

Por último, a rexedora agradeceu a entrega e o compromiso total nas encomendas municipais de todo o equipo de Goberno. “É de xustiza subliñalo, como destacar que tras este esforzo hai moitos proxectos, moitas horas de traballo e moita motivación e entrega dos concelleiros e concelleiras, e tamén dos empregados públicos que os acompañan en cada unha das áreas”.

A nova concelleira tomará posesión nun vindeiro pleno extraordinario, que se celebrará o xoves, día 15.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a reorganización do Goberno (I) | Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a reorganización do Goberno (II) |Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a reorganización do Goberno (III) | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez reestrutura o Goberno de Lugo para reforzar as áreas que atenden aos colectivos máis afectados pola pandemia

Noticias relacionadas