Lara Méndez recoñece a figura de Notario Vacas durante a presentación dos seus libros de memorias no Salón de Plenos do Concello

A rexedora lembrou os seus anos de alcalde e agradeceulle o seu traballo a prol da cidade, que xa foi recoñecido na entrega das Medallas de Ouro do ano pasado

As obras ‘Dónde nace una vida’ e ‘Lex dura lex, objetivo cumplido, alcalde abatido’, repasan episodios da súa vida familiar, profesional e política

Xoves, 26 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez recoñece a figura de Notario Vacas durante a presentación dos seus libros de memorias no Salón de Plenos do Concello

O Salón de Plenos do Concello de Lugo acolleu este xoves a presentación dos libros autobiográficos de Tomás Notario Vacas, rexedor da cidade entre os anos 1976 e 1977 e durante a etapa de 1991 a 1995. O acto foi presidido pola alcaldesa, Lara Méndez, quen recoñeceu a súa figura e lembrou os seus anos como primeiro mandatario de Lugo.

“As cidades evolucionan co traballo de cada unha das corporacións locais, e nós somos herdeiros da cidade que os nosos predecesores buscaron mellorar de forma continua. Neste senso, debemos poñer en valor o traballo de Notario Vacas a prol da cidade, que xa foi recoñecido coa entrega das Medallas de Ouro do ano pasado, distinción que recibiu como un dos rexedores de Lugo na etapa democrática”, subliñou Méndez.

No acto, ademais dos membros da Corporación Municipal tamén participaron a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e a vicepresidenta da Deputación, Tareixa Ferreiro. Ademais, durante o mesmo proxectouse un vídeo do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, no que lle dedicou unhas emotivas palabras.

Nos libros autobiográficos ‘Dónde nace una vida’ e ‘Lex dura lex, objetivo cumplido, alcalde abatido’, Notario Vacas recompila as súas memorias, repasando episodios da súa vida familiar, profesional e da súa etapa política. Ambas as dúas obras foron editadas e custeadas polo autor, e o que recade da súa venda será entregado a organizacións benéficas.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a presentación das memorias de Tomás Notario | Descargar mp3

Noticias relacionadas